A CIG denuncia os abusivos servizos mínimos propostos pola Xunta para a folga de mulleres do 8M

Lembra que o decreto emitido para o 8M de 2018 foi anulado nos tribunais
Nacional - 25 Feb 2019

A CIG denunciou esta mañá, na xuntanza celebrada para negociar os servizos mínimos para a folga de mulleres do vindeiro 8 de marzo, que a proposta presentada pola Xunta é, igual que a presentada o ano pasado, “abusiva”. A central sindical subliñou que só están chamadas á folga as mulleres  e exixiu que “aqueles servizos mínimos que teñan que ser decretados, sexan cubertos por homes sempre que sexa posíbel”.

A secretaria de Organización, Susana Méndez, lembra que o decreto de servizos mínimos para a folga do 8M de 2018 foi anulado polos tribunais e afirma que “xa non é a primeira vez. Imos cansas de ver como decretos de servizos mínimos que desde a CIG consideramos abusivos tamén desde a xustiza se anulan por excesivos e por vulnerar o dereito de folga”.

Méndez agarda que desta volta non se decreten uns mínimos tan “sobredimensionados” e non se faga publicando o decreto “a menos de 20 horas antes do comezo da folga”, como ocorreu o ano pasado. Algo que na sentenza emitida se recolleu como “abuso da posición de autoridade da administración” por ter sido publicado con tan pouca antelación e unha semana despois de terse negociado “limitando o dereito a impugnalos e mesmo a acción do tribunal para ditar as medidas cautelares”.

A CIG denuncia ademais a pouca antelación coa que se remitiu a proposta da administración na que, en todo caso, reitera que se pretenden decretar uns servizos mínimos “fóra de lugar, excesivos e que parece que buscan impedir ás mulleres exercer o seu dereito de folga, cando menos nalgúns casos concretos”.

Máis servizos mínimos que en 2018

Susana Méndez incide no “curioso” que resulta que, con respecto aos mínimos decretados o ano pasado e anulados por abusivos pola xustiza, desta volta se recollan mesmo maiores efectivos en sectores e categorías que, ademais, son esencialmente desenvolvidas por mulleres. En concreto cita residencias de maiores ou centros de atención a dependentes, onde se aumentan efectivos de mínimos de cociña ou de camareiras/limpadoras, como no caso das Residencias de Maiores de Carballo, Oleiros ou Vimianzo, entre outros.

Con todo, sendo isto grave, para a secretaria de Organización da CIG aínda o é máis que se decreten mínimos en centros ou postos de traballo que “non teñen o carácter de esencial”, como o Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra ou na Planta de Clasificación de Materiais de Cerceda, por exemplo.

Respecto do 112, e despois de que a sentenza anulara os mínimos do ano pasado por decretar un número de efectivos mesmo superior aos dunha quenda ordinaria, Méndez denucnia que “agora pretenden colar como esencial persoal de formación ou de comunicación, prensa e imaxe”.

A CIG denuncia ademais, como así fixo con ocasión da folga convocada para o pasado 8M, os excesivos servizos mínimos que se pretende decretar para o servizo de transporte de viaxeiro/as e para o transporte funerario.

CRTVG

No caso da CRTVG aínda hoxe estaban negociando na propia entidade os servizos mínimos. Con todo a CIG lembra a sentenza que recolle que “os servizos mínimos dos medios de comunicación públicos non poden servir para manter a programación habitual, senón que teñen que ir dirixidos a manter a información básica á que ten dereito a poboación nun tempo limitado e non coa duración habitual”.

Neste sentido Susana Méndez advirte que “non son servizos mínimos poñer programas enlatados ou dedicar unha boa parte dos informativos a facer propaganda do goberno que teñen por costume emitir”.