
A CIG denuncia o recorte de servizos de Adeslas para o persoal mutualista de Muface

A CIG vén de ter coñecemento do recorte de servizos na provincia da Coruña por parte de Adeslas na atención hospitalaria da provincia para o persoal mutualista de Muface.
Concretamente, e como exemplo, a segunda cidade da provincia en canto a poboación, Santiago de Compostela, queda sen Urxencias Hospitalarias, tendo as e os doentes que desprazarse á cidade da Coruña para recibir esta asistencia.
Tamén queda recortada a elección hospitalaria na propia cidade da Coruña, eliminando o HM Modelo, un dos hospitais máis usado polo persoal mutualista.
Ante isto, a CIG volve denunciar a chantaxe ao que as entidades prestatarias do servizo someteron ao goberno do Estado, así como a cesión á chantaxe por parte do mesmo.
O Estado pagará 4.500 millóns de euros en tres anos, e tal e como vemos nin iso garante, sequera, manter os servizos previos.
Tal e como a CIG xa ten denunciado non considera que se dean as condicións para afirmar que as persoas mutualistas que optaron, até o de agora, polas entidades privadas vaian contar con todas as garantías de cara a un futuro inmediato, no que a chantaxe das aseguradoras vai ir en aumento, convertendo ás e aos mutualistas en reféns dos intereses económicos dos grupos empresariais que prestan o servizo.