A CIG denuncia o papel da MUFACE e da sanidade privada: unha sentenza avala que o negocio non pode estar por riba da saúde

A Mutualidade do persoal público negouse a asumir o custo dunha intervención oncolóxica para aforrarlle gastos á aseguradora
Nacional - 09 Feb 2026

A CIG-Administración Pública valora moi positivamente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que vén de estimar a demanda promovida no marco dunha acción sindical impulsada pola CIG fronte á denegación de asistencia sanitaria por parte da Mutualidade Xeral de Funcionarios/as Civís do Estado (MUFACE) e da entidade aseguradora privada concertada.

Para a central sindical, esta resolución deixa en evidencia as carencias estruturais do modelo de mutualismo administrativo, baseado na externalización da asistencia sanitaria a entidades privadas cuxo obxectivo principal non é garantir dereitos, senón maximizar beneficios económicos.

Modelo esgotado ao servizo das aseguradoras

O conflito xorde tras a negativa de MUFACE a asumir o custo dunha intervención oncolóxica complexa (cistectomía radical con cirurxía robótica), perfectamente indicada desde o punto de vista médico e realizada nun centro sanitario habilitado. “Actuou como mera correa de transmisión dos intereses da aseguradora, avalando unha interpretación restritiva e interesada do concerto sanitario, coa única finalidade de aforrar custos, mesmo cando está en xogo a saúde e a vida das persoas”, denuncian dende a CIG. 

A actuación da Mutualidade constitúe unha denegación inxustificada de asistencia sanitaria

A sentenza é contundente ao sinalar que esta actuación constitúe unha denegación inxustificada de asistencia sanitaria, desmontando o argumento habitual das entidades privadas: cubrir só aquilo que aparece listado de maneira literal nos concertos, aínda que a técnica estea plenamente implantada no sistema público de saúde.

A sanidade privada: selección de riscos e recortes

O caso resolto polo Tribunal non é unha excepción, senón un exemplo máis dun funcionamento estrutural da sanidade privada concertada: acepta os casos sinxelos e rendíbeis; pon atrancos administrativos nos procesos complexos e custosos; e trasládalle o risco económico ás persoas doentes cando o tratamento resulta caro.

“A cirurxía robótica, lonxe de ser experimental, é unha técnica habitual na sanidade pública, utilizada en hospitais do SERGAS e do conxunto do sistema público de saúde. Porén, cando esta mesma técnica implica un custo elevado, as aseguradoras privadas escúdanse en cláusulas ambiguas para eludir a súa obriga de cobertura”. A sentenza confirmaque o catálogo pechado e desactualizado dos concertos non pode empregarse como instrumento de recorte de dereitos sanitarios.

A sanidade pública como garantía de dereitos

O Tribunal é claro ao establecer que a asistencia sanitaria das persoas mutualistas debe ser como mínimo equivalente á do sistema público de saúde, o que supón un recoñecemento explícito de que o nivel asistencial de referencia é o público, non o privado; as técnicas e tratamentos que se aplican de maneira habitual no sistema público de saúde deben ser garantidos tamén para as persoas mutualistas; e a falta de actualización formal dos concertos non pode xustificar desigualdades nin discriminacións. 

Mentres a sanidade pública incorpora avances tecnolóxicos en función de criterios clínicos, a privada faino só cando é economicamente rendíbel

“A realidade é que, mentres a sanidade pública incorpora avances tecnolóxicos en función de criterios clínicos, a sanidade privada faino só cando resulta economicamente rendíbel”, lamentan na central sindical.

Defensa colectiva fronte ao abuso

Esta sentenza é froito dunha estratexia sindical da CIG, que entende a defensa xurídica individual como parte dunha loita colectiva contra un modelo inxusto. O impulso desta demanda responde ao feito de que MUFACE estea a converterse nun mecanismo de degradación da asistencia sanitaria e para enfrontar que unha externalización á sanidade privada que non garante nin calidade nin equidade. “Os dereitos sanitarios non poden depender de contratos mercantís nin de balances empresariais”.

A resolución xudicial recoñece o dereito ao reintegro íntegro de 31.100 euros, con xuros e custas, e consolida unha doutrina que abre a porta a novas reclamacións fronte a abusos sistemáticos das aseguradoras.

Ao tempo que confirma o que a CIG leva anos denunciando: a sanidade privada non garante dereitos, garante beneficios; MUFACE actúa máis como xestor de contratos privados que como garante da saúde das persoas mutualistas; e só a sanidade pública asegura unha atención baseada en criterios clínicos e non económicos.

“Seguiremos a loitar pola recuperación dunha asistencia sanitaria pública, directa e de calidade para todo o persoal empregado público, sen intermediarios privados que fagan negocio coa saúde”, rematan dende a central sindical.