A CIG denuncia o colapso dos Xulgados de Primeira Instancia de Ourense
O sector de Xustiza da CIG-Administración vén de remitirlle un escrito á Dirección Xeral de Xustiza denunciando a situación de colapso na que se atopan os Xulgados de Primeira Instancia de Ourense e reclamándolle o nomeamento dunha persoa de reforzo en catro deles.
Na central explican que esta situación de colapso motivou o nomeamento dunha funcionaria interina do corpo de Tramitación Procesual co fin de desatascar a sobrecarga de traballo nos Xulgados de Primeira Instancia números 1, 2, 3 e 5. Mais o nomeamento ten unha duración dun mes en cada un deles, quedando sen atender os Xulgados de Primeira Instancia números 4, 6 (Familia) e 7.
“É evidente que un período dun mes non é suficiente nin para aprender, e menos para liberar a carga de traballo de catro Xulgados”, sinalan. Ao mesmo tempo, lembran que a Lei de Prevención de Riscos Laborais establece que as Administracións Publicas teñen a obriga de garantir unhas condicións óptimas para os seus traballadores/as, “e cando unha persoa está sometida a unha presión diaria no contorno de traballo prodúcese un desequilibrio entre a esixencia laboral (propia) e a capacidade de recursos dispoñíbeis para cumprila eficientemente”.
En consecuencia, a persoa traballadora padece desgaste e estrés laboral, “producíndose tamén neste caso unha excesiva responsabilidade ao tratarse de catro xulgados para unha soa persoa de reforzo, polo que é máis que probábel que esta situación dea lugar a baixas por incapacidade temporal”.
Diante disto, a CIG reclámalle á Dirección Xeral de Xustiza , dende este sindicato que en lugar dunha única persoa de reforzo para catro xulgados se nomee un reforzo para cada un deles “en tanto non se liberen do atasco no que se atopan neste intre”.