A CIG denuncia o bloqueo na negociación do convenio de Estrella Galicia pola postura inmobilista da empresa

A dirección pretende impor unha negociación condicionada que buscar precarizar as condicións laborais e non permite recuperar o poder adquisitivo
A Coruña - 30 Xan 2026

A representación da CIG en Grupo Hijos de Rivera (Estrella Galicia) quere denunciar o bloqueo da negociación do novo convenio colectivo. Tras máis dun ano de reunións sen avances, a empresa rachou o diálogo ao pretender impor unha negociación condicionada que busca precarizar as condicións laborais, que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido e que non mellora os dereitos de conciliación.

Esta negativa a atender as demandas da parte social dáse nun momento de expansión da compañía, de excelentes resultados económicos con millonarios beneficios e tras anunciarse un incremento do reparto de dividendos entre o accionariado.

O persoal perdeu o 8,85% da súa capacidade adquisitiva con respecto ao IPC durante a vixencia do último convenio

Pola contra, as traballadoras e traballadores das fábricas acumularon unha perda da súa capacidade adquisitiva do 8,85% con respecto ao IPC durante a vixencia do último convenio colectivo (2021-2024), mentres se lles obriga a asumir máis carga de traballo e se lle pretenden impor máis funcións, dificultándolles aínda máis poder conciliar a vida laboral e familiar.

Os delegados e delegadas da CIG (que ostenta a maioría da representación tanto no complexo da Grela como na planta de Morás) critican a postura da empresa que di que quere negociar, pero impón na mesa unha serie de condicións como a vixencia do convenio a catro anos ou unha oferta económica inamobíbel, negándose a valorar sequera as propostas sindicais.

Neste contexto, o proceso de negociación do convenio actualmente está paralizado, polo que nos vindeiros días a CIG convocará asembleas de persoal para decidir entre todas as persoas traballadoras as medidas a desenvolver para desbloquear a situación e que a dirección escoite as reivindicacións sociais. 

A representación da CIG reitera a súa disposición a negociar e a chegar a un acordo de convenio digno, polo que insta a empresa a abandonar a súa postura intransixente, volver á mesa con vontade real de negociar e con propostas que permitan avanzar nunhas condicións laborais acordes coa imaxe de marca comprometida que promociona Estrella Galicia.