Trasládanlle á Inspección de Traballo a situación de “vulnerabilidade e risco” nas escolas infantís
A CIG-Administración Autonómica presentaba esta mañá, perante a Inspección de Traballo, unha denuncia contra a consellaría de Política Social pola situación de “risco e vulnerabilidade” fronte a covid-19 na que se atopan as escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e da Axencia Galega de Servizos Sociais. O rexistro da denuncia coincidía cunha concentración simbólica de delegadas fronte o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano, en Compostela.
No decurso da concentración, a responsable nacional do sector da Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, explicaba que, ante a inminente reapertura destes centros e a incorporación das crianzas –o vindeiro día 1 de setembro-, “o que cómpre é adoptar medidas axeitadas para minimizar o risco de contaxio do persoal traballador, das crianzas e das súas familias”. Por iso denunciaba que, porén, a día de hoxe “non temos coñecemento algún de que se adoptaran”.
A interlocución da Consellería coa representación do persoal “é nula”, asegurou Burgos, quen engadiu que “non convoca aos comités de empresa nin aos comités de seguridade e saúde para tratar carteleiras, horarios e medidas preventivas previas á apertura de portas”.
Neste sentido lembrou que o día 26 de agosto a CIG-Administración Autonómica fixo unha revisión destes centros para ver se estaban preparados para a apertura das súas portas aos cativos e cativas con seguridade. Unha supervisión na que atoparon numerosas carencias en materia laboral e de prevención de riscos laborais.
Grupos burbulla
Entre outras Burgos salientou que nin sequera está aclarado como vai ser a sectorización ou os chamados “grupos burbulla” durante todo o período no que están na escola os cativos e cativas. Unha medida preventiva que para a CIG é a máis eficaz e prioritaria para unha educación e coidado seguro a medio longo prazo.
Xunto a isto denunciou que non se dispón, en moitos dos centros, de servizo de lavandeiría, nin de uniformes (roupa de traballo e calzado) suficientes para cambiar cada día, nin se fixo reforzo de persoal para os labores necesarios de cociña e limpeza, nin de tarefas educativas.
Ademais, no caso de comedores que dependen de empresa externa, “non se informou do procedemento de control da Covid dos alimentos elaborados, entrada e saída destes e do persoal externo ou avaliación específica, entre outros.”
Avaliación de riscos
Faltan tamén, segundo a CIG-Autonómica, as Avaliacións de riscos laborais destes centros ao risco biolóxico da Covid, con específicación do seu Plan de acción e das medidas preventivas en cada posto de traballo e actividade. “As localizacións da sinalización, espazos comúns e sala de illamento non están identificadas como debera en base á Avaliación de riscos específica do centro, xa que non hai ou se descoñece”, afirmou Burgos.
Xunto a isto a responsable do sector denunciou que o persoal especialmente sensible ou as traballadoras embarazadas “non están a recibir resposta adecuada ante a súa situación de vulnerabilidade e risco para o seu feto fronte a Covid por parte do servizo de prevención”. Como tampouco se están a resolver as solicitudes de conciliación con redución de xornada, “segundo á xefatura de persoal pola falla dunha cartelera de traballo”.
Avaliación xeral e protocolo
Porén si que existe un documento unilateral de Avaliación xeral ao COVID 19 para todas as escolas infantís da Xunta, enviada con data 22/05/2020, que non está adaptado aos centros e se atopa, segundo explicou, “desfasado a día de hoxe coa actual normativa e o desenvolvemento da pandemia”.
Un documento “moi xeralista” que “non está sendo útil para a xestión da vulnerabilidade do persoal sensible nin o establecemento de grupos burbulla” e que nin está asinado, nin foi tratado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral.
Como tampouco foi tratado, nin negociado coas organizacións sindicais ou no Comité de Seguridade e Saúde Laboral, o “Protocolo de incorporación para as Escolas Infantís 0-3” fronte ao coronavirus, aplicable a Casas Niño, Puntos de atención á Infancia, Espazos Infantís e Ludotecas pendurado na web da Consellería.
Para Burgos “a falla dun protocolo válido e consensuado fai que a día de hoxe as direccións destes dentros estean a improvisar ou aplicar medidas baseadas neste documento sen recursos ante o comezo inminente do curso”.
Falta de previsión, falta de persoal
Asegura que este protocolo non prevé o aumento de persoal, nin soluciona as cuestións de seguridade que se poden dar, de xeito moi probable. Neste sentido pon como exemplo a situación que pode xerar un suposto positivo por febrícula. “Como vai a abandonar unha mestra ou educadora unha aula de bebés para illarse cun deles ante a aparición de febre?”, pregúntase.
Zeltia Burgos considera que estas cuestións poderían tratarse adecuadamente, e de xeito individualizado por centro, de terse abordado a apertura das escolas infantís no Comité de Seguridade e Saude Laboral da consellería, “mais nin sequera se respostaron as alegacións presentadas ao borrador de protocolo de reincorporación”.