A CIG denuncia cunha concentración na Xunta a represión sindical na residencia Abeiro Gold
Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG está a realizar para denunciar a política de represión sindical aplicada pola dirección de Abeiro Gold, a central realizou unha concentración este xoves diante dos edificios da Xunta en Lugo para trasladarlle a situación de conflitividade que hai nesta empresa e reclamar a actuación da Administración. Así mesmo, coa protesta quérese reclamar a readmisión inmediata do traballador despedido, que foi na candidatura da CIG nas eleccións sindicais.
"A Xunta ten a competencia no control e inspección das residencia de maiores e hoxe estamos aquí para denunciar como se funciona en Abeiro Gold e a situación de persecución que se está a dar nesta empresa", explica Carme Antas, da CIG-Servizo de Lugo-A Mariña. Lembra que dende que o pasado ano a CIG gañara as eleccións sindicais -as primeiras que se celebraban neste centro de traballo-, a dirección viuse na obriga de recoñecerlle ao cadro de persoal os dereitos do convenio que antes incumpría de maneira sistemática.
Ante este feito, subliña, a reacción da empresa "foi botarlle un pulso a CIG por defender as condicións laborais do persoal desta residencia". Neste tempo, alertou, a empresa executou tres despedimentos cun claro carácter represivo e exemplarizante. O primeiro despedimento, dunha traballadora, foi declarado improcedente polo xulgado do Social e estase á espera dos outros dous xuízos, que xa teñen fixada data para o 7 de xuño e o 2 de xullo.
Respectar os dereitos recollidos en convenio
Sobre os incumprimentos de convenio, Carme Antas indicou que grazas a labor de denuncia da representación da CIG agora a empresa vese na obriga de facilitar os LDs, establecer o calendario de vacacións, entregar as carteleiras anuais ou dar as licencias retribuídas como os seis días de asuntos propios, etc., que antes denegaba por sistema.
De igual xeito, con esta concentración quérese demandar da Xunta de Galiza que exerza o seu labor de inspección e comprobe se a dirección está cumprindo cos rateos de persoal establecidos en función do número de residentes dependentes e autónomos.
Así as cousas, Antas xa adiantou que a CIG continuará cos mobilizacións quincenais para esixir o cese das represalias e que se readmita ás compañeiras e compañeiros despedidos.