A CIG denuncia a precarización laboral do persoal de Panaderías, Confeiterías e Axencias Marítimas pola parálise na negociación colectiva
A CIG denuncia a parálise que están a sufrir varios convenios provinciais da Coruña como o de Panaderías, o de Confeitarías ou o de Axencias Marítimas que están sen actualizar malia estar constituídas as mesas de negociación dende hai anos. No primeiro caso, o convenio leva aproximadamente 14 anos sen renovarse, mentres que os convenios de Confeitarías e Axencias Marítimas hai catro anos que caducaron.
A patronal destes sectores ten paralizados os convenios a pesar de que no seu momento foron denunciados e constituídas as mesas de negociación correspondentes. A FGAMT-CIG denuncia que a estratexia da patronal de non sentar a negociar provoca que os traballadores e as traballadoras destes sectores teñan conxeladas as súas condicións laborais e que as condicións salariais sexan inferiores ás establecidas na lexislación.
De feito, o salario base establecido no convenio dalgún sector como o de Panaderías ou o de Confeiterías xa é inferior ao Salario Mínimo Interprofesional actual. O mesmo acontece coa normativa en materia de igualdade e determinadas condicións laborais e sociais que xa foron superadas pola normativa que se aprobou ao longo destes anos.
A FGAMT-CIG subliña que foron precisamente estes sectores os que durante a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 aumentaron a carga de traballo e nos que o persoal tivo que acudir aos seus postos en plena pandemia -en moitas ocasións sen as mínimas medidas de seguridade- porque son sectores esenciais que nutren de produtos básicos á poboación.
A CIG considera que esta demora é unha estratexia da patronal para precarizar máis as condicións laborais e económicas dos traballadores e traballadoras, e aumentar así a súa marxe de ganancia a conta de manter unha man obra barata.
A central rexeita esta manobra da patronal que busca aproveitar a pandemia para facer retroceder os dereitos laborais e económicos do persoal e apela á responsabilidade e á boa fe da asociacións empresariais destes sectores para que convoquen ás mesas de negociación destes convenios e avanzar na consecución dunha mellora das condicións de traballo en sectores tan básicos para a economía.