A CIG denuncia a manipulación informativa da TVG que dedicou un total de cero segundos á cobertura do seu IX Congreso

A central sindical vén de exixir unha inmediata rectificación e o cese deste exercicio sistemático de censura informativa contra a sociedade galega e contra o sindicato
Nacional - 26 Mai 2025

A Confederación Intersindical Galega (CIG), primeira forza sindical en Galiza, expresou hoxe o seu “profundo malestar” polo “grave exercicio de censura e manipulación informativa” da Televisión de Galicia (TVG), que non dedicou “nin un segundo” á cobertura do seu IX Congreso, celebrado o pasado sábado, 24 de maio en Compostela. A CIG considera esta omisión unha mostra de parcialidade inaceptable nun medio público que debería servir a todas as galegas e galegos, exixe unha rectificación inmediata e o cese destas prácticas censoras.

Nunha carta remitida ao director xeral da TVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e á directora de contidos informativos, Concepción Pombo Romero, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que a TVG ignorou tanto o Congreso como a rolda de prensa previa do 12 de maio, onde se adiantaron os aspectos clave do evento. Pola contra, os congresos de CCOO, celebrado o 16 de maio de 2025 e o de UGT, que tivo lugar o 26 de febreiro de 2025 recibiron ampla cobertura nos espazos informativos da TVG, incluíndo o Telexornal Mediodía, o Telexornal Serán, o G24 Horas e entrevistas no programa Bos Días.

A CIG considera que os congresos dos sindicatos maioritarios teñen suficiente relevancia para merecer atención mediática, polo que a exclusión do sindicato nacionalista só pode entenderse como un acto deliberado de censura. “Resulta rechamante que, fronte ao absoluto silenciamento da CIG, CCOO e UGT tivesen unha cobertura destacada. Máis cando a CIG é o sindicato maioritario en Galiza, con maior representatividade (31,05%, segundo datos oficiais) e afiliación (máis de 86.000 persoas) que os outros dous sindicatos”, sinalou Carril na carta.

A CIG denuncia que estas prácticas non só atentan contra a propia organización, senón contra o conxunto da sociedade galega, privándoa dunha información plural e veraz sobre un evento clave para a defensa dos dereitos laborais e a soberanía de Galiza. Entende que a TVG, como medio público, ten a obriga de reflectir a diversidade da nosa sociedade, non de silenciar a voz do sindicato maioritario e reclama que se poña fin a este “exercicio sistemático de censura” contra o pobo galego e contra o sindicato maioritario.

A central sindical trasladou o seu rexeitamento formal a estas actuacións e agarda unha resposta inmediata da dirección da TVG, así como medidas concretas para rectificar esta situación.