A CIG denuncia a manipulación dos datos facilitados pola dirección no seguimento da folga na CRTVG
A CIG estima a participación na folga convocada polo Comité Intercentros en perto do 70% - -68,75%. As cifras facilitadas pola dirección da empresa non son certas, unha vez que está a contabilizar os servizos mínimos abusivos e o absentismo por mor de incapacidades temporais, maternidades e outras licenzas retribuídas.
Do seguimento da folga dan boa conta as redaccións baleiras e a emisión da programación unicamente esencial. Caeron na RG ‘Pensando en ti’, o ‘Diario Cultural’ e os deportes; derby Obradoiro- Breogán este sábado non foi cuberto por persoal propio. Na TVG caeron ‘A Revista’, ‘Zigzag’, ‘Atmosféricos’ e ‘Luar’, un fito histórico na canle pública galega.
Por outra banda, a CIG celebra o importante pronunciamento recabado polo Comité Intercentros de Dominique Pradalié, presidenta da Federación Internacional de Periodistas, representante de 600.000 profesionais de todo o mundo, apoiando @s traballadores en folga da CRTVG e as reivindicacións duns medios de comunicación públicos en Galiza de verdade libres, plurais e de calidade; contra o desmantelamento, represalias e manipulación que están padecendo @s profesionais da televisión e radio públicas de Galiza e, polo tanto, todo o pobo ao que a CRTVG se debe.