A CIG denuncia a Lidl Supermercados na Inspección de Traballo por vulneración do dereito á folga
A CIG-Servizos presentou esta mañá denuncia diante da Inspección de Traballo contra Lidl Supermercados por vulneración do dereito fundamental á folga dos traballadores e traballadoras do almacén loxístico que a empresa ten en Narón. O persoal iniciou unha folga indefinida ás 00 horas do martes 14 de febreiro -que está tendo un seguimento do 100%-, pero nestas 24 horas a empresa xa puxo en práctica "un xogo sucio, traendo persoal alleo ao centro para realizar as funcións dos traballadores e traballadoras en folga".
Ao mesmo tempo, explica Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, a empresa puxo ao persoal adxunto do grupo 2 a realizar funcións de manexo de carretillas elevadoras, tanto nas quendas de mañá como nas de tarde, cando non lles corresponde facer estas tarefas. "Pero o máis grave, denuncia, aconteceu pola noite, cando a empresa aproveitou a entrada do persoal de oficinas para colar persoal de maneira fraudulenta nos seus vehículos, ao máis puro estilo das cundas ilegais de traballo que tanto se ven neutros sectores".
O comité de folga descoñece totalmente as funcións a realizar por este persoal no centro loxístico, "sospeitando que a empresa está a facer movementos ilegais co ánimo de atopar xente que traballe, para tratar de reverter os efectos que toda folga legal debe ter".
Neste senso, Martínez Padín critica a hipocrisía da empresa que fronte á postura amosada no acto de mediación celebrado o luns para tentar chegar a un entendemento "na práctica amosa a súa verdadeira faciana levando a cabo medidas ilegais que atentan contra o dereito fundamental á folga".
Diante destes feitos gravísimos, e de continuar a empresa con esta actitude, xa advirte que o único que Lidl vai conseguir é un prolongamento innecesario do conflito. Por iso, a representante sindical reclámalle a empresa que cumpra co estabelecido no convenio colectivo e atenda as numerosas resolucións da Inspección de Traballo dando á razón ás denuncias presentadas polo comité.
"A CIG continúa apoiando a loita sindical iniciada polo persoal e auditando o comportamento da empresa mentres siga a folga en pé", e calquera outra ilegalidade que poda cometer a empresa neste conflito será denunciada e respondida adecuadamente.