A CIG denuncia a fraude do referendo sobre o convenio colectivo en Ferroatlántica
A sección sindical da CIG en Ferroatlántica vén de reunirse coa Inspección de Traballo para pór en coñecemento da autoridade laboral as irregularidades manifestas coas que se celebrou o referendo para a aprobación do texto do convenio colectivo. A central cualifica a votación de "fraude electoral" xa que se permitiu participar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos ao non ter contrato en vigor coa empresa, saltándose así o establecido no Estatuto dos/as Traballadores/as.
No referendo permitiuse votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos por non ter contrato en vigor"
Diante destas irregularidades, a representación da CIG no comité de Ferroatlántica reclamou a anulación dos resultados e que se convocara a asemblea de traballadores/as, ou do contrario, presentaría denuncia na Inspección de Traballo. No referendo votábase a proposta de convenio presentada pola empresa a finais de xuño, que saíu aprobada, mais por unha estreita marxe de 7 votos. "Ademais de que todo o proceso non se axustaba á lexislación, fica claro que incluír a 20 persoas que non estaban nos censos alterou o resultado final", apuntan dende a sección sindical.
Reunión coa Inspeción
Porén, a solicitude de anulación da CIG non só non foi atendida, senón que este pasado mércores, a dirección da empresa e a representación de CGT e Independentes no comité formalizaron a sinatura do convenio colectivo, sen consensualo previamente no pleno do comité e sen que pasara pola asemblea de traballadores/as. "Este texto é un borrador feito e entregado por Ferroatlántica, distinto do texto sometido ao referendo, e que contén novas condicións de traballo e recortes dos dereitos laborais e salariais adquiridos, dos que o persoal non foi informado", advirten.
A empresa chamou un por un os/as traballadores/as eventuais para que foran a votar de xeito favorábel a proposta"
Os delegados da CIG cualificaron de positiva a xuntanza coa Inspección de Traballo, que, ao igual que a central sindical, entende que non poden participar na votación persoas que non teñen a condición de traballadores/as, polo que vai emitir o informe correspondente.
Intromisión da empresa
A CIG quere denunciar a vulneración do dereito sindical e a intromisión descarada da dirección de empresa de Cee no referendo, xa que se dedicou a chamar un por un ao persoal eventual para que foran a votar de xeito favorábel á proposta. Ademais, estalle pondo trabas aos traballadores e traballadoras para que acudan ás asembleas convocadas para este venres.
Para a central sindical a Dirección de Cee está actuando ao ditado de Madrid, que busca castigar ao persoal e a toda a comarca por non ter logrado o seu obxectivo de vender as centrais e pola falta de sometemento na negociación do acordo marco. A xenreira de Ferroatlántica chega a tal punto que está recortando as subvencións que dende hai anos reparte entre o tecido asociativo da zona.
Vinculación ao acordo marco
En canto ao convenio colectivo, para a sección sindical este borrador de convenio destapa os pactos aos que chegou esa parte do comité e a dirección da empresa "fóra da mesa de negociación e que ocultaron até o de agora". Uns acordos que cualifican de "totalmente discriminatorios e de dubidosa legalidade, por manter os privilexios dalgunhas das persoasasinantes a conta do conxunto do cadro de persoal".
Este borrador de convenio destapa os pactos aos que chegou esa parte do comité e a dirección da empresa fóra da mesa de negociación e que ocultaron até o de agora"
De saír adiante ese documento, suporía a vinculación total ao acordo marco asinado en Madrid, que usurpa á representación legal das fábricas da Cee e Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas o dereito á negociación colectiva e limita a capacidade do persoal de controlar e supervisar o que se negocia. "Entregan o poder de decisión sobre as condicións de traballo a Madrid, para que outros decidan por nós", critican. Neste senso, a sección sindical da CIG lembra que manter o convenio colectivo propio é posíbel e legal, e que hai nestes momentos convenios asinados dentro de Ferroatlántica que non están vinculados ao acordo marco.
Os/as traballadores/as reclaman unha asemblea
A falta de información levou a que por parte do persoal se esixira a convocatoria de asembleas xerais para informar detalladamente de todo o contido do texto do convenio. Estasasembleas terán lugar hoxe, venres 19 de outubro, en Cee e Dumbría. Dende a sección sindical demandan ao resto dos membros do comité que expliquen todos os puntos do borrador "e non só daqueles que lles interesa".
Entre outros recortes, a proposta de convenio presentada pola empresa permite mudar as quendas de traballo a gusto da dirección, amplía o tempo efectivo de traballo, permite a empresa impoñer os días de libre designación, dá vía libre para a modificación dos calendarios laborais e de vacacións, deixa no aire o cobro do importe lineal consolidábel e que o persoal eventual poida acceder a el.