A patronal de axencias marítimas condena o persoal a continuar cos salarios e as condicións conxeladas
A FGAMT-CIG denuncia a estratexia da patronal das axencias marítimas da provincia da Coruña que ten secuestrada a negociación co convenio colectivo, mantendo practicamente conxeladas as condicións salariais e sociais dos traballadores e das traballadoras dende hai unha década. Unha negativa patronal (constituída maioritariamente por TMGA, Pérez Torres, Berge e DSV) que se dá cando o sector está aumentando a súa marxe de beneficios, como reflicte o feito de que o porto da Coruña logrou en marzo a segunda maior subida de tráficos de todo o sistema portuario español.
O convenio colectivo leva negociándose dende hai meses sen que se produza ningún avance. Máis á contra, explican dende o sector de Mar da CIG, na última xuntanza, o pasado 28 de xuño, a patronal empeorou a súa proposta económica ao manter a miserenta suba do 0.5% para 2020, pero limitar o incremento para 2021 ao 3%, cando o IPC interanual xa se atopa no 2.6%, e polo tanto, negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal.
Neste estancamento das negociacións, a FGAMT-CIG critica a complicidade de CCOO e UGT que abandonaron a plataforma de convenio conxunta e se pregaron á proposta patronal de negociar só incrementos económicos para os anos 2020 e 2021, deixando de lado calquera mellora social (conciliación laboral, xornada, sistema retributivo, licencias e permisos retribuídos, prevención de riscos laborais etc.).
Unha postura que xa mantiveran na negociación do anterior convenio e que volven repetir, malia tentar escenificar na mesa unha distanciamento radical da patronal. "Non só non asumiron a reivindicación do sector de negociar melloras sociais, senón que agora se atopan co empeoramento da proposta económica da patronal", advirte a FGAMT-CIG.
Ante este inmobilismo da patronal e a estratexia de dilatar as negociacións que condena o persoal á continuar coa conxelación salarial e das condicións de traballo, a CIG aposta por dar un paso adiante na defensa dun convenio digno, cun calendario de accións mobilizadoras máis contundentes que proporá ás asembleas dos/as traballadores/as.