A CIG denuncia á consellaría de Política Social pola xestión das residencias de maiores, menores e persoas con discapacidades
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar á consellaría de Política Social perante o Xefe Territorial da Inspección de Traballo pola súa xestión nas residencias de maiores, centros de menores (residenciais) e centros de atención a persoas con discapacidades. A responsábel nacional, Zeltia Burgos, explica que “ante o caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevencion perante o covid 19 solicitamos medidas cautelares urxentes da autoridade laboral como que inste a que se faga o test a todo o persoal urxentemente”. Lembra que “levamos moitos días denunciando a situación nos centros sociais da Xunta e tememos pola saude das residentes e traballadoras porque aquí non se fai cargo ninguén e a situación xa é desesperante”.
A CIG-Adminstración Autonómica reclama que, con urxencia, se fagan test de COVID 19 en todos os centros de traballo nos que haxa dúbidas de que se seguiron axeitadamente as medidas de prevención e que se establezan de inmediato as medidas máximas de protección fronte ó virus, até comprobar que todas as persoas traballadoras e usuarias son negativas no test.
Neste sentido, Burgos alerta da situación de “caos” nos centros e denuncia a “situación desesperada na que se atopa o persoal ante a falta informacion”. Subliña que comezan agora a darse positivos ou sospeitas por febre de traballadoras e usuarios e asegura que ante a solicitude de medidas “ninguén fai nada, máis alá de pelexar polo tema das máscaras”.
Plan de Prevención específico
Por iso, a CIG-Autonómica reclama a posta en marcha dun Plan de Prevención específico para os centros, para minimizar o risco de infección do COVID 19 e que se estude a posibilidade de adecuar algún espazo hostaleiro (hoteis e demáis) para que as traballadoras e traballadores poidan descansar da dureza do traballo e tamén poder evitar o contaxio, tanto das súas familias no fogar como no propio centro de traballo.
A responsábel nacional asegura que, a nivel xeral, nestes centros non se están a tomar as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer ao seu persoal nin as persoas usuarias a pesar de que foi requirido especificamente en varias ocasións dende o comezo da alarma sanitaria, tanto polo persoal como polos delegados e delegadas e a través de varias vías que se describen nas denuncias específicas.
De feito Burgos afirma que “a Xunta non fixo caso, non tivo a dilixencia necesaria na protección ou simplemente non actuou”. Denuncia que isto provocou unha situación de indefensión das persoas usuarias e do persoal traballador ante o risco de contaxio do COVID 19 e subliña que, por iso, se presentaron diferentes denuncias ante as inspeccións provinciais de traballo e seguridade social, a consellería de Sanidade e aviso a Subdelegación do Goberno entre os días 18 e 20 marzo.
Nin formación, nin instrucións
Lamenta que, malia iso, non se proporcionou ao persoal a formación, información e instrucións necesarias para o desenvolvemento do traballo coa prevención suficiente perante o risco de contaxio e denuncia que a administración “limitouse a publicar e facilitar aos departamentos os protocolos editados pola Xunta, xenéricos para o Persoal da Administración Autonómica”
Ademais indica que aínda que a Consellería de Política Social fixo un documento que chama protocolo para os centros, “este refírese a normas de cara a residentes (limitación entradas visitas, etc), é demasiado xeneralista e non constitúe un Plan de Acción para o seu persoal na prevención dos riscos laborais nin trae medidas específicas para a súa protección fronte o virus”.
Subliña que as medidas adoptadas finalmente nos centros foron por iniciativa do propio persoal, á vista da normativa estatal do Ministerio de Sanidade e diante da ausencia de normativa protocolaria propria da consellaría para esta crise.
Zeltia Burgos refírese, en concreo a que, en relación ao risco de infección do COVID 19 “non se dotou ao persoal do EPI de protección necesario, nin se lles formou previamente de como debería empregarse ou das medidas hixiénicas a adoitar”. Unha demora que provocou máis exposición ao risco.
Con respecto ao material para casos confirmados ou sospeitosos estabelecidos polo protocolo de sanidade (en Política Social non hai un específico) que son luvas de nitrilo, máscaras FFP2 e FFP3, batas desbotables impermeables de manga longa, gafas de protección, así como o material para enfermos con problemas respiratórios, luvas de nitrilo e máscaras cirúrxicas, “as existencias nos distintos centros son escasas, non hai, ou son moi deficientes, ou non están a disposicion do persoal”.
Por iso considera que “non se está a ter a dilixencia adecuada na protección da seguridade e saúde das persoas traballadoras e residentes por parte da administración que xestiona estes centros”. Denuncia que se sigue improvisando, malia as denuncias presentadas, e que, entre mentres “o rápido avance da infección e os casos que están a aparecer nas residencias públicas e privadas fan temer pola integridade da poboación interna e do persoal”.