A CIG denuncia a actitude obstrucionista de Barreras, que se nega a valorar as propostas e a garantir a continuidade industrial
A CIG denuncia a actitude inmobilista que a dirección de Barreras, coa complicidade dalgún outro sindicato, está a manter durante toda a negociación do ERTE. Unha dirección enrocada que pretende impoñer pola forza unhas condicións inaceptábeis nun expediente de regulación temporal que quere ser a antesala da liquidación do estaleiro.
A empresa rexeita de maneira sistemática todas as propostas que desde a CIG se trasladaron para reducir ao mínimo o alcance do ERTE e para evitar a perda de poder adquisitivo, "pero o que é máis grave, está dicindo que non cando se lle reclaman garantías reais de continuidade da actividade e do emprego".
O secretario da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, critica que a dirección do estaleiro sexa incapaz a estas alturas de garantir o retorno do Evrima, "o que para nós demostra de maneira rotunda que non hai ningún interese real por viabilizar a continuidade do propio estaleiro".Por iso, avanza que "se o que se pretende, como parece, é un ERTE para cargar nos traballadores e traballadoras os custos da nefasta xestión da dirección designada por Ritz Carlton, que non conten coa CIG. Moi ao contrario, terán a nosa oposición frontal e firme".
Os Gobernos, mirando para outro lado
Ante esta incerteza, a CIG segue a denunciar a ausencia total dunha Xunta de Galiza "que non está nin se lle espera", e a inacción cómplice do Goberno español. "Uns e outros teiman en ollar para outro lado mentres está en risco un estaleiro imprescindíbel como Barreras e, polo tanto, o propio futuro do sector naval de Vigo. A que agardan para despregar unha intervención pública directa que evite o desastre? Que máis ten que pasar para que actúen?", urxe Gonçalves.
A CIG seguirá defendendo con firmeza a continuidade da actividade neste estaleiro. "Non podemos permitir a caída de Barreras porque suporía un golpe letal e definitivo a un sector industrial estratéxico para a comarca de Vigo e para o conxunto do país, como a construción naval", conclúe.