A CIG demándalle á Deputación de Lugo que garanta os dereitos laborais e salariais do persoal do servizo de catamarán

A empresa que presta estas actividades, TRAGSA, non lles aplica o seu convenio colectivo malia estar obrigada por sentenza xudicial
Lugo - 12 Mar 2026

A CIG vén de dirixirse por escrito á presidenta da Deputación de Lugo para que, ante o inicio da campaña de rutas en catamarán polo Miño e o Sil, requira a empresa TRAGSA que respecte as condicións laborais e retributivas do persoal que presta este servizo. Hai que lembrar que, aínda que estes traballadores e traballadores teñen recoñecido por sentenza xudicial o dereito a que se lles aplique o convenio colectivo de TRAGSA, a empresa continuou aplicándolles o Estatuto das Persoas Traballadoras.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, explica que aos traballadores e traballadoras que se encargan da actividade e funcionamento das rutas fluviais dos encoros de Santo Estevo (Río Sil- Embarcadoiro de Ponte do Sil) e Os Peares (Río Miño - Embarcadoiro de Belesar Pobo), se lles viñan aplicando as condicións básicas recollidas no Estatuto das Persoas Traballadoras, cando ao estaren contratados e contratadas a través de TRAGSA lles é de aplicación o convenio colectivo de empresa e todos os dereitos e beneficios contemplados neste marco regulador.

Así foi recoñecido polo xulgado do Social número 3 de Lugo no ano 2024 e ratificado pola Sala do Social do TSXG na sentenza xudicial nº 2884/2025 de 2 de xuño de 2025. Non obstante, e a pesar do carácter vinculante da resolución xudicial e a obriga de cumprimento, TRAGSA seguiu manténdolle a este persoal as condicións do ET.

Denuncia Lois Neto que estamos ante “nunha práctica claramente fraudulenta que só ten como obxectivo aforrar cartos e recortar os dereitos destes traballadores e traballadoras” e rexeita este tipo de manobras antilaborais, máis aínda cando se trata dunha empresa pública.

Por iso, a CIG demándalle á Deputación de Lugo, como titular do contrato, que requira formalmente a TRAGSA para que cumpra coa sentenza, aplique integramente ao persoal que presta servizos nas rutas fluviais de Santo Estevo e Os Peares o convenio colectivo de empresa “con todos os dereitos laborais e retributivos que lle corresponden”, e garanta que no inicio da campaña deste ano “se respectan a legalidade laboral e as resolucións xudiciais”.