A CIG demanda unha xuntanza no CGRL para seguir negociando o convenio de SAF
A folga dos SAF continúa sen que se saiba nada do convenio. Por iso a CIG-Servizos vén de se dirixir ao Consello Galego de Relacións Laborais para manter unha xuntanza e seguir negociando. A última noticia ao respecto foi a da sinatura dun preacordo por parte de CCOO e UGT, pero transcorridas varias semanas, descoñécese cal é a situación.
Así o explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, quen lembra que a sinatura dese preacordo foi o día 20 de outubro e que, desde aquela, non se soubo nada máis. “Polo que a nós respecta, non hai novo convenio e queremos seguir negociando porque o máis importante é que se recoñezan os dereitos laborais, salariais e sociais das traballadoras dos SAF, se dignifique o seu labor e se lle recoñeza, aos traballos de coidados, o carácter esencial e a relevancia que ten para o conxunto da sociedade e nomeadamente para as e os maiores”.
Fernández subliña que a folga vai continuar e se mantén a demanda de que se fagan efectivos os incrementos salariais do 6,5% correspondentes ao incremento do IPC en 2021.
Escrupuloso cumprimento dos servizos mínimos
Así as cousas, a secretaria nacional de CIG-Servizos salienta o compromiso e a loita das traballadoras que manteñen as mobilizacións e a loita por un convenio digno garantindo, ao tempo, o escrupuloso cumprimento dos servizos mínimos e de todas as prestacións básicas a usuarias e usuarios.
Nese sentido, rexeita acusacións que se teñen producido por parte dalgún concelleiro, como en Moaña, onde un representante da oposición cualificou a folga como “discriminatoria”. Lembra que non existen as “folgas discriminatorias”, que son os propios concellos os que decretaron os servizos mínimos a cumprir e que co seu cuestionamento das horas de uso sindical o que está poñendo en cuestión é a propia Lei Orgánica de Liberdade Sindical, ben “por ignorancia”, ben por partir de “principios absolutamente antidemocráticos”.
Á marxe diso, Transi Fernández lembra que a folga indefinida foi convocada contra un preacordo de convenio asinado por parte de CCOO e UGT que non garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e crea unha dobre escala salarial en función do concello no que se traballe que “si é discriminatoria e entendemos que ilegal, polo que, se finalmente se asina este convenio procederemos á súa impugnación".
Salarios diferentes en función do concello no que se traballe
O texto do preacordo recolle dúas táboas diferenciadas dependendo de cando se liciten os contratos, de xeito que ás empregadas dunha localidade na que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos vánselles aplicar incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024 mentres que ás do concello do lado, se se licita este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. En consecuencia, unhas traballadoras terá en dous anos unha suba do 2% e as outras dun 6,30%.
Fronte a isto, a CIG propuxo ir ao incremento máximo que permite o contrato mantendo a garantía de revisión salarial ao IPC real (tal e como agora recolle o artigo 7 do convenio galego) e recoñecendo o pago do 100% das IT, tendo en conta que neste sector, polas dificultades físicas que carrexa traballar con persoas dependentes, son habituais as baixas.
Suba miseranta por quilometraxe
As traballadoras realizan as súas tarefas nos domicilios das persoas usuarias. Isto obrígaas a desprazarse nos seus propios vehículos dun domicilio a outro. Por iso estaban cobrando por quilometraxe 0,19 euros. Unha cantidade claramente insuficiente tendo en conta os prezos aos que están os combustíbeis. Porén, tampouco resolve o problema o incremento que se contempla no preacordo, que sería pasar a cobrar a 0,22cts/qm, mais sen atrasos e sen subir esta compensación durante toda a vixencia do convenio (2022-2026).
O máis grave é que a patronal pretende, a cambio desas subas de miseria, liquidar do convenio a cláusula de revisión salarial que viña funcionando até agora e chantaxeou todo a negociación negándose a aplicar o incremento do 6,5% de 2021 (que xa debería de estar reflectido nas nóminas desde o 1 de xaneiro) até a publicación do convenio no DOG. Nese momento aplicarían a suba con carácter retroactivo, pero até entón “as traballadoras seguirán perdendo poder adquisitivo e empobrecéndose cada dia un pouco máis nun momento no que a carestía da vida medra imparábel”.