A CIG demanda unha solución para o persoal de ambulancias da área de Santiago sen vacinar
Segundo o protocolo de vacinación contra a covid establecido, estaba previsto que o persoal de ambulancias do 061 recibira a primeira dose na mesma fase que o persoal sanitario de primeira liña. Así ocorreu en toda Galiza onde foi todo o persoal vacinado agás un grupo de traballadores/as das bases de Ambulancias do Atlántico de Santiago, A Estrada e Silleda, na área sanitaria de Santiago.
Na base de Santiago hai uns 19 traballadores/as das que só se vacinaron 3 e nas bases de Silleda e da Estrada hai 9 en cada unha e vacináronse só 2 de cada base, polo que quedaron un/has 30 sen vacinar.
Diante desta situación, desde a FGAMT-CIG de Compostela demandan que se subsane de inmediato o problema, máis cando, segundo explica Inácio Pavón, nestas ambulancias trasládanse a diario doentes con sospeitas ou positivos de covid. “Dáse a casualidade de que ademais están sometidas a un sistema denominado NORIA, que consiste en que cando se lles active poden ter que levar sucesivamente a doentes positivos/as, sen quitar os EPIs e sen desinfectar as ambulancias, por un período de 3 horas, coa maior carga viral que deste xeito se acumula e co risco de contaxio que isto supón. Máis cando desde o propio 061 están presionando permanentemente para que se reduzan os tempos de limpeza e desinfección das ambulancias tras cada servizo”.
Pavón asegura que ninguén de Ambulancias do Atlántico lles dixo que ocorrera e que tiveron que ser os propios traballadores e traballadoras quen preguntaran no 061. “Dixéronlles que houbera un problema informático pero desde a CIG entregamos un escrito no SERGAS para saber cando serían vacinados e non tivemos resposta algunha, como tampouco teñen os traballadores ningunha información oficial nin da empresa, nin do 061”.
O persoal non entende como se puido ter dado esta situación e como non se lle pon solución de inmediato coas vacinas que o propio goberno da Xunta di que tiña gardadas, porque non se empregaron todas.
Pavón teme que este persoal siga relegado porque “o problema é que agora as vacinas que veñan serán para poñer a segunda dose a quen xa tiveron a primeira nesta última fase”, por iso reclama unha inmediata aclaración a respecto desta situación e que se lles subministre a primeira dose da vacina tal e como se tiña que ter feito. “Caso contrario estaríase poñendo en risco a vida de traballadores e traballadoras que están nunha situación diferente ao resto do persoal sanitario e de ambulancias que diariamente actúan fronte a covid-19”, conclúe.