A CIG demanda que se articulen medidas inmediatas para evitar que miles de traballadores/as queden sen ingresos
De “gravísima” cualifica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a situación á que se enfrontan os miles de traballadores e traballadoras afectadas por ERTES, porque a demora do SEPE na tramitación dos expedientes presentados en Galiza – 32.206 a data de hoxe, que afectan a 205.396 traballadores/as – provocará á súa vez un atraso no recoñecemento do dereito a cobrar unha prestación, “o que os deixará sen ingresos até que se efectivicen os procedementos”.
Por iso Carril exixe que “de inmediato se articulen as medidas necesarias para evitar que se produza esta situación”. Lembra que a CIG viña advertindo de que nos atopariamos con este problema que se podería ter evitado se desde un primeiro momento se recoñecera o dereito das traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber inescusable e se articulara un fondo público de compensación para as empresas.
O secretario xeral da CIG entende que deste xeito se evitaría a caótica situación á que nos enfrontamos agora mesmo, consecuencia das erráticas medidas adoptadas nos sucesivos Consellos de Ministros nos que o goberno español se foi corrixindo a si mesmo. “Agora atopamos a un goberno sobrepasado polos miles e miles de ERTES presentados e a unha clase traballadora que, máis unha vez, pagará por unha situación da que non é responsable pola falta de previsión do executivo”.
Carril denuncia ademais as múltiples casuísticas nas que se atopan centos de miles de traballadores e traballadoras e reclama unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase traballadora, “en lugar da sucesión de parches que fomos vendo desde o inicio da crise sanitaria froito da improvisación do goberno”.
Reclama ademais que se modifique a carga fiscal cara as empresas, as grandes fortunas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas, para conseguir o financiamento público necesario para enfrontar os custos das medidas extraordinarias, de acordo cos principios de igualdade e progresividade, no canto de optar por políticas neoliberais que derivan novamente na clase traballadora o impacto desta crise.
Nese sentido Carril reitera que, hoxe máis que nunca, son necesarias políticas públicas e que se poñan ao dispor das maiorías sociais todos os recursos necesarios para garantir unha protección social sen exclusións que garanta o emprego, os salarios e uns ingresos dignos para a clase traballadora.
Reclama ademais, do goberno Feixóo, que goberne desde Galiza e para Galiza, en lugar de escudarse nas decisións adoptadas en Madrid para eludir a súa responsabilidade en materias nas que ten todas as competencias.
Cazolada para #QueEscoiten
O secretario xeral da CIG chama, ante esta situación, a participar na cazolada que a CIG ten convocada para o vindeiro día 10 de abril, ás 12:00 horas, baixo a consigna #QueEscoiten. Unha acción de protesta coa que se queren demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, garantías de que as familias teñen ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións, así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade.