A CIG demanda a INDRA que retire o ERTE por estar en fraude de lei
A CIG amosa o total rexeitamento ao paquete de recortes que pretende aplicar INDRA e que inclúe ERTEs, reducións de xornada e unha baixada dos salarios para os traballadores e traballadoras non incluídas na regulación temporal. A central entende que estas medidas son unha fraude, posto que se trata dunha modificación substancial que legalmente non foi comunicada á representación social sendo os dous procesos diferentes non podendo negociarse conxuntamente.
En Galiza, o ERTE afecta a principalmente ás súas sociedades Indra Producción de Software e Indra Soluciones Tecnologías de la Información, estando afectadas/os nesta última 373 traballadoras/es (dun cadro de persoal total de 1132). Hai que lembrar que INDRA presta soporte técnico a servizos públicos (como o SERGAS e a Xustiza) e privados (R Cable, Abanca, etc.) que na crise actual son de vital importancia para o funcionamento dos servizos básicos e esenciais.
No día de onte tivo lugar a primeira reunión do período de consultas e dende a representación da CIG solicitouse a retirada do ERTE, das reducións de xornada e do que INDRA denomina medidas complementarias (redución salarial de até un 25%) xa que na práctica o que pretende é meter pola "porta de atrás" unha modificación substancial das condicións salariais.
En canto ás causas do ERTE, INDRA non acredita as causas produtivas alegadas, xa que nin sequera concreta que baixada de carga de traballo se está a producir, é dicir os servizos e a cantidade de horas que os clientes lle comunicaron que van reducir. "O que busca INDRA é un ERTE preventivo en base á previsión dunha caída da produción no futuro, que agora mesmo non existe. Pois de feito, a empresa ten ao 90% do persoal teletraballando (pondo en moitos casos os seus propios medios para facer a actividade laboral) e hai servizos nos que se está a rexistrar unha sobrecarga de traballo".
A CIG entende que estamos ante unha fraude e pide a retirada de todo este paquete de medidas e que a empresa proceda a asignar o persoal que puidera sufrir unha baixada da carga de traballo para reforzar os cadros daqueles servizos esenciais, e asegurar así que estes non se vexan afectados.