A CIG defenderá nas institucións e nas rúas o sector industrial galego porque “sen industria non hai futuro”
A CIG-Industria presentou esta mañá, en rolda de prensa, as alternativas da central sindical en defensa do sector industrial e, nomeadamente, de sectores estratéxicos para a economía galega como o da industria electrointensiva, o sector naval e o sector da automoción. Sectores que, segundo o secretario nacional Xoán Xosé Bouzas, “sufriron unha importantísima perda de carga de traballo e de emprego” e para os que reclamou a posta en marcha de medidas tanto por parte do ministerio como da consellaría de Industria, para evitar que Galiza acabe convertida nun “deserto industrial”.
Xunto a isto anunciou a convocatoria dunha asemblea nacional de delegadas e delegados, para o vindeiro día 10 de abril, e unha posterior manifestación que sairá ás 12:00 horas, de diante da facultade de Dereito da USC.
Bouzas denunciou a perda de peso do sector na economía do país –pasou de representar un terzo a quedar no 25%- por mor da deslocalización de empresas do sector do automóbil nas provincias de Pontevedra e de Ourense cara o Norte de África e Portugal; a situación na que se atopa o sector das electrointensivas, con Alcoa á cabeza, mais tamén Ferroatlántica e todas as industrias pendentes do Estatuto Electrointensivo, que o goberno ten enriba da mesa, e a situación do sector naval, tanto público como privado, das comarcas de Ferrol e Vigo.
Alertou que isto aboca á economía galega a depender do sector Servizos e afirmou que “sen industria non hai futuro” porque este sector xera máis riqueza, moitos máis postos de traballo, directos e indirectos, e de máis calidade.
Modernizar o sector naval
Sobre o sector naval cuestionou a propaganda que di que se está recuperando cando, nos últimos 10 anos, se perderon máis de 10.000 postos de traballo. Lembrou que aínda se daba luz verde, hai uns días, ao convenio entre Navantia e o ministerio de Defensa para a construción das fragatas. Un convenio que se dilatou no tempo porque xa estaban comprometidas co goberno de Mariano Rajoy. E advertiu que “desde que se asine até que se comeza a cortar a chapa van pasar moitos meses e ese tempo vai ser un baleiro, non para a principal, pero si para a industria auxiliar, que vai provocar un baixón de traballo importante”, advertiu.
Para a CIG-Industria a construción das fragatas ten que ir ligada ademais á modernización do propio estaleiro que non pode competir así con outros do mundo. Por iso demandou camiñar cara o “estaleiro 4.0” e, xunto a isto, que se favoreza a construción civil en Navantia Fene. Neste sentido denunciou que turbinas e reparación naval están perdendo capacidade e que tampouco se están collendo encargos. “É unha aposta que hai que facer para xerar postos de traballo”, asegurou.
Canto ao naval de Vigo lembrou a situación na que se atopan as dúas grandes empresas: Vulcano, sumido nun concurso de acredores, e Barreras, para a que se asegurou que PEMEX sería a súa salvación e que agora vende a súa parte.
O secretario nacional da CIG-Industria alertou tamén da entrada de fondos de investimento no naval porque o seu interese non é crear postos de traballo, senón obter os máximos beneficios, e chamou a atención sobre a atomización do sector, para o que demandou da Xunta que adopte medidas “para vertebralo”. Isto xunto cun plan de formación para que as traballadoras e traballadores que no seu día tiveron que buscar outra alternativa laboral teñan a cualificación necesaria.
Tarifa eléctrica industrial
Xulio Moscovich, responsábel do sector de Industria electrointensiva denunciou a paralización da electrólise, que supuña un 6% do consumo eléctrico de Galiza, en Alcoa da Coruña; o grave risco en que está a continuidade do emprego tamén en Alcoa San Cibrao, que xera o 30% da riqueza de Lugo e a situación na que se atopa as fábricas de Ferroatlántica de Cee e Sabón.
Moscovich lamentou que non se rebaixara o prezo da electricidade e que non se garanta o abaratamento do seu custo no Estatuto da Industria Electrointensiva que presentou o goberno e lamentou, sobre todo, que non se tivera en conta a proposta dunha tarifa eléctrica industrial estábel e predicíbel que a CIG remitiu até en cinco ocasións ao Ministerio.
Neste sentido lembrou que a factura da electricidade de Alcoa pasou do 54 millóns de euros, en 2013, aos 100 millóns de euros en 2018 e considerou que “é inasumible que nun país exportador de enerxía ao resto do Estado vaia pechar a nosa industria, co toda a repercusión que ten na economía, nos postos de traballo e nas familias, precisamente polo prezo da electricidade, porque tanto o goberno anterior como o actual non quixeron poñer enriba da mesa solucións reais nin ir á raíz do problema, que é ese prezo da enerxía desorbitado dando beneficios ás empresas eléctricas”
O responsábel de industria electrointensiva anunciou ademais que dentro da campaña de mobilizacións que veñen realizando, está prevista, para o vindeiro 26 de abril, unha concentración diante da factoría de Alcoa na Mariña, en San Cibrao.
Transición ao coche eléctrico
María Xosé García, responsábel de automoción, debullou as propostas da CIG-Industria para este sector. Lembrou que xa se presentara unha proposta no Parlamento galego e nas empresas, incluída PSA, e que se vén desenvolvendo unha campaña, porque nin o goberno central, nin o goberno galego van poñer nada para evitalo.
Resumiu as propostas da CIG-Industria para a automoción en 5: estratexia galega do sector; unha política enerxética para o sector; plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal; formación cara os novos sistemas de fabricación e medidas sectoriais.
Denunciou a precarización do emprego e as consecuencias que isto ten porque a rebaixa das condicións laborais e salariais na empresa principal, Citröen, acaba repercutíndose tamén ás empresas auxiliares e reclamou un convenio sectorial tanto para a empresa principal como para o resto das empresas.
Lembrou que Citröen exporta o 40% da súa produción para Europa, pero que fabrica furgonetas de baixo custo con motores diesel, unha tecnoloxía que cada vez se demanda menos. Advertiu do risco que corren miles de postos de traballo, pola robotización e pola falta de formación específica. Formación que demandou, tanto desde as empresas, como dos centros de formación profesional para que as rapazas e rapaces novos se poidan formar nas novas tecnoloxías.
Demandou unha política enerxética como a do país vasco, onde as empresas aforran 50 millóns de euros ao ano ao contar cuns prezos da electricidade máis baixos.
Ademais defendeu o rexuvenecemento dos cadros de persoal e denunciou que por mor do acordo asinado por CCOO e UGT para as prexubilacións, limitouse esa posibilidade aos sectores manufactureiros, dos que queda excluída a automoción. “Así o persoal é cada vez maior, cuns ritmos de traballo durísimos e, entrementres, temos á xente nova na casa”. Por iso a CIG xa presentou un plan ás empresas para que se faciliten as prexubilacións e se poidan rexuvenecer efectivamente os cadros de persoal”.
Canto ás medidas sectoriais propuxo a creación dunha Mesa Galega de Automoción integrada polo Cluster de automoción, as centrais sindicais e as tres universidades galegas e demandou un compromiso do sector de non seguir afondando na precariedade e impulsar un Plan Galego de Automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i no sector.
O secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas concluíu que é necesario mobilizarse porque “apostamos polo sector industrial e polo seu desenvolvemento. Temos capacidade e empresas no país, pero as administracións tanto a autonómica como a central o están deixando morrer”.