A CIG defende a recuperación económica e avances sociais no convenio de Seguridade Privada
A CIG manifesta a súa disconformidade coas pretensións da patronal de Seguridade Privada. Pedro Pérez, representante da central sindical na mesa de negociación do convenio -que se reuniu este mércores unicamente para que cada parte presentara unha declaración de intencións- denuncia que as súas propostas son “máis do mesmo” e que “non queren solucionar os problemas reais do sector, senón ver como poden reducir custos a custo das persoas traballadoras”.
Fronte a isto, a CIG defende que a negociación do convenio colectivo sirva para recuperar os “dereitos deixados polo camiño”. Por iso Pérez avanza que na seguinte xuntanza presentarase a plataforma na que se defende a recuperación económica, tendo en conta a inflación –neste intre nun 10,4%-; avance no social, abandonando a precariedade actual e a dignificación dun sector cada vez máis formado, diversificado e profesionalizado, axeitándose ás realidades cambiantes da actualidade e as novas tecnoloxías que viñeron para quedar.
O representante da CIG explica que o que precisa o sector son “medidas máis amplas e de maior calado”, avanzando cara a un convenio que teña en conta novos pluses adecuados á realidade actual, “xa que a profesionalización do sector non se ve plasmada na remuneración económica que perciben os traballadores e traballadoras”.
Neste sentido, ten en conta que no sector os salarios non se corresponden coa realidade do traballo e funcións que se realizan e que, “ademais de ser insuficientes, crearon a situación de precariedade actual, polo que debe darse un importante salto cuantitativo e cualitativo. As subidas do SMI puxeron e seguirán pondo de manifesto a precariedade económica que hai”.
Propostas da patronal
Segundo explica Pérez, desde a bancada patronal tanto APROSER como ASECOPS, coinciden na necesidade dun convenio cunha vixencia longa, no que se aborden a antigüidade, o absentismo nos complementos de IT e a subrogación en relación a doutrina Somoza. “Poñen tamén sobre a mesa os problemas da contratación pública, xa que cada vez son máis baixos os concursos que non teñen en contra o incremento dos prezos e a inflación e coa obriga de cumprir coas prorrogas por lei, ademais dos incrementos dos custes empresariais da cota obreira, que para o ano 2023 suporá un 0,5%.
Ante isto Pérez denuncia que son as propias empresas quen “empregan como mecánica habitual a baixada de prezos nos concursos públicos e cos clientes privados, creando unha competencia desleal salvaxe que ao final pagamos os de sempre”. Unha situación diante da que valora a proposta patronal como “máis do mesmo” e respecto da que advirte que pretenden “outro convenio que non nos levará a ningures, tan só a mais precariedade e mais inestabilidade”.
UGT, CCOO e USO
O representante da CIG na mesa do convenio sinala que pola súa banda os sindicatos estatais UGT, CCOO e USO, manifestaron a súa disposición de tratar de presentar unha plataforma conxunta, baseada no “salario ou conflito”. Un posicionamento que “agardamos que realmente sexa así”, di Pérez, matizando que “a experiencia nos di que isto non vai ser máis que un “slogan” populista que non vai a ningures”.
Xunto a iso apunta que reclaman a cláusula de revisión salarial e que tamén pensan nun convenio longo, sen ceder nos avances conseguidos nestes anos. Avances que Pérez se pregunta “onde están”.