A CIG de Vigo esixe solucións inmediatas para os milleiros de traballadores/as en ERTE da comarca que aínda non cobraron
Delegados/as sindicais da CIG de Vigo desenvolveron esta mañá unha mobilización simbólica ás portas da delegación do SEPE para esixir unha solución inmediata á situación de varios millares de traballadores/as da bisbarra que, estando afectados/as por ERTE, aínda non ingresaron as súas prestacións. Dende a central denuncian a falta de resposta do Goberno español á “situación límite” na que se atopan moitas familias traballadoras da comarca como consecuencia do colapso administrativo na tramitación das prestacións.
Na protesta, que se desenvolveu de 11:00 a 11:15 horas na rúa Cánovas del Castillo, participou o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, que lembrou que a central leva tempo advertindo da “situación límite” na que se atopan milleiros de traballadores/as que non teñen claro cando van poder cobrar, ao tempo que alertou das incertezas existentes a respecto do reinicio da actividade produtiva e do emprego.
“O colapso administrativo na tramitación dos ERTE e das súas prestacións provocou que a día de hoxe haxa un número moi importante de empresas na práctica totalidade dos sectores, pero con especial incidencia na industria da automoción, no metal ou nos servizos, onde temos constancia de que hai persoal que non ingresou un só euro”, denuncia. Tal é o caso de compañías como GKN, Denso, Faurecia Asientos e Faurecia Interior, TRW, Copo Ibérica, Viza, BorgWarner, ou Plastic Omnium.
Diante disto, sinalou que moitas persoas que seguen a día de hoxe sen cobrar están optando por solicitar diñeiro prestado a familias e coñecidos ou por aumentar o seu endebedamento bancario para poder chegar a fin de mes. Neste senso, cualificou de “intolerábel” que moitos/as dos afectados/as se tivesen que reincorporar aos seus postos de traballo “sen ter cobrado un só euro”.
Ao mesmo tempo, criticou o Goberno español a a Xunta de Galiza por non adoptar as medidas necesarias para blindar a base produtiva e garantir o mantemento do emprego nun contexto marcado polas incertezas. “Non sabemos que vai pasar cando remate este mal parche que foron ERTE masivos, nin canto emprego se vai precarizar ou destruír, ou de que xeito esta situación vai afectar a industria da comarca”. Por iso entende que é o momento de pasar “das palabras aos feitos”.
Entende que o que está a acontecer é dunha enorme gravidade dado que “o salario é a fonte de sustento das familias traballadoras, e parece que na Moncloa non entenderon que o pobo non comemos nin con propaganda, nin con promesas, nin coas boas palabras da ministra de Traballo”.
Reacción áxil
Por iso considera “absolutamente intolerábel” que moitos/as traballadores/as afectados/as por ERTE, que foron promovidos polo propio Ministerio de Traballo, non teñan cobrado nin saiban cando van cobrar. “Queremos preguntarlle directamente a Yolanda Díaz como van pagar estas familias as súas facturas, como poderán pagar as súas compras no supermercado, como van facer fronte a alugueiros e hipotecas”.
Nese sentido, Gonçalves lembrou que ademais de ministra, Yolanda Díaz, foi escollida deputada pola provincia de Pontevedra e preguntouse se “é deste xeito como defende os dereitos das persoas ás que se supón que representa”.
Por todo isto, reclama unha reacción áxil por parte do Ministerio de Traballo que vaia alén do declarativo e que se adopten as medidas necesarias para asegurar que todas as persoas afectadas por ERTE poidan cobrar de xeito inmediato. “Din empatizar cos millares de familias nesta situación, e nós dicímoslle que a empatía non resolve non ter cartos. Menos empatía e máis xestión. Menos anuncios e fotos de inútiles pactos sociais e máis solucións. Non poden colocar as familias traballadoras en situación límite durante semanas”.