A CIG de Lugo denuncia que a adxudicataria do Servizo Municipal de Recadación incumpre o contrato
A CIG de Lugo vén de denunciar que a empresa adxudicataria do Servizo de Recadación do Concello de Lugo, Gestión Tributaria Territorial S.A. (GTT), está a incumprir as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada en virtude da cal resultou adxudicataria.
Esta empresa resultou adxudicataria porque na oferta presentada incluíu unha mellora das condicións salariais e sociais cun incremento do 20% sobre o salario base establecido no vixente Convenio Colectivo. Incremento que tería que aplicar a todos os traballadores e traballadoras adscritos a este contrato.
Mais, segundo explican, logo de resultar adxudicataria, a empresa comunicou ao conxunto de traballadores e traballadoras e informou ao Concello que procederá á absorción dos complementos retributivos que cada persoa teña adicionais ao salario base, até cubrir o 20% de incremento dese salario base.
Isto implica que as melloras que ofertou a empresa agora non as cumpre, pois nas mesmas figura claramente unha mellora do 20% do salario base e non figuraba para nada o criterio de absorción que introduce agora de xeito extemporáneo. “Isto supón, na práctica, que a unha parte dos traballadores e traballadoras non se lles aplique ningunha mellora ou que non alcance o 20% do salario base. Polo que GTT está incumprindo as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada en virtude da cal resultou adxudicataria”, denuncia o secretario comarcal Antonio Niño.
A Delegada de Persoal de GTT e a CIG, mantiveron xuntanzas informando desta situación aos grupos de goberno do Concello de Lugo, PSOE e BNG, e esixíndolles que fagan cumprir á empresa adxudicataria as condicións por ela ofertadas.