CIG-Ferrol traslada o seu apoio á loita do persoal de Noa na defensa dos emprego e a actividade produtiva
Delegados e delegadas da CIG-Industria de Ferrol e membros da estrutura da Unión Comarcal achegáronse esta mañá até as portas da fábrica de Noa Madera Creativa para trasladar a súa solidariedade e apoio aos traballadores e traballadoras desta empresa. E ao tempo rexeitar o modelo empresarial "depredador" que representa o Grupo Malasa pois dende que se fixo con Noa, está manobrando para desmantelar as instalacións, despedir e precarizar o persoal, co único obxectivo de quedar coa súa cota de mercado.
Neste acto solidario tamén participaron un grupo de traballadores/as de Cándido Hermida, que acaba de propor ampliar os expedientes de regulación temporal que ten en vigor nas súas oito compañías.
Grupo Malasa exemplo, pero de precariedade
O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, puxera, durante a emerxencia sanitaria, ao Grupo Malasa como exemplo de 'compromiso público', cando esta compañía se caracteriza pola precariedade na que ten ao seu persoal e cando pretende aproveitar a crise da Covid19 para despedir á metade do persoal de NOA e meter nun ERTE de 15 meses ao resto de compañeiros/as.
Precisamente, mañá remata o período de consultas dos expedientes e nada indica que a empresa vaia recuar na execución destas medidas que abocan a factoría fenesa ao seu peche, posto que o ERE de extinción afecta a toda a sección de metal, inviabilizando así a súa capacidade produtiva.
Por iso, Grandal afeoulle a Feixoo que destaque as actuacións do grupo empresarial que adquiriu NOA para desmantelala, eliminar competencia e quedar coa súa carga de traballo, pero realizándoa noutras plantas do grupo (como a de Cerceda) nas que o seu persoal ten condicións laborais e salariais inferiores. Este modelo empresarial depredador e que fomenta a precariedade laboral non pode ser exemplo de nada, reiterou.
Responsabilidades dos Gobernos
Xunto a isto, Grandal apuntou á responsabilidade do Goberno galego "pois, a pesar da grave crise industrial que vivimos, ten abandonadas as súas competencias en materia de industria" e do Goberno español por non ter derrogado á reforma laboral de 2012, que facilita este tipo de abusos patronais.
"Daremos a batalla cos traballadores e as traballadoras de NOA para que esta planta siga existindo e producindo", aseverou.