A CIG-CRTVG rexeita as formas “autoritarias” da dirección para “manipular, negar dereitos e reprimir”

Acusa ao PP de nomeala a dedo para poñer o medio público ao seu servizo
Nacional - 22 Feb 2023

A sección sindical da CIG denuncia a “degradación alarmante” que están a sufrir as relacións laborais nos últimos tempos na CRTVG. Unha deterioración producida, ao seu entender, “por mor dunha dirección cuxa vinculación coa CRTVG é de dubidosa legalidade, como evidencia unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de abril do ano pasado que pon en cuestión a relación laboral de máis de 30 persoas que na actualidade conforman o groso da estrutura directiva da CRTVG”.

A sección sindical da CIG denuncia que esa dirección foi “nomeada a dedo, segundo criterios de afinidade persoal ou ideolóxica, coa finalidade de asegurar a manipulación dos contidos informativos e converter a CRTVG nun gabinete de propaganda ao servizo do Goberno galego e o Partido Popular”.

Castigo a quen denuncia a manipulación

Asegura que como medida de castigo, a dirección “traslada o persoal que denuncia a manipulación dun medio para outro”, sen lle importar a desprofesionalización e a perda de calidade do servizo que se produce ao apartar traballadores/as xa formados por moitos anos de experiencia na linguaxe específica do seu medio e destinalo a outro que non domina de igual maneira.

Xunto a isto denuncia que “non dubida en sancionar a persoas traballadoras sen fundamento”, mais que non ten a mesma disposición para sancionar superiores xerárquicos ou funcionais “que inflixen tratos degradantes ao seu persoal”.

A isto engade que aproveita o escrito de sanción a unha traballadora “para a desacreditar e responsabilizar do desenvolvemento dun entorno laboral axeitado”, cando elude intervir nos factores psicosociais do estudo do ano 2018 nos que se detectou unha situación nociva ou intermedia, e cinco anos despois está a adiar a realización dun novo estudo psicosocial.

Contratos en prácticas

A sección sindical da CIG lembra que se está contratando en prácticas “persoal seleccionado por tribunais designados directamente polo director de Recursos Humanos, sen contar coa previa proposta de membros e composición realizada pola Comisión de xestión das listaxes de contratación temporal”, consonte ao artigo 32.3.5 do convenio colectivo.

Persoal en prácticas que, afirma que é designado a funcións de maior responsabilidade, “mentres persoas traballadoras con carreiras profesionais máis longas son apartadas das tarefas ou espazos máis complexos ou que requiren de maior experiencia ou capacitación profesional, obstaculizando o seu progreso profesional e xerando grande desmotivación e insatisfacción laboral”.

Xubilación parcial

A CIG lembra que a dirección agardou até ás 15:08 horas dun venres, véspera de noiteboa, para enviar á representación legal do persoal un escrito comunicando que vai deixar de aplicar a xubilación parcial, en base a unha lectura mutilada do convenio colectivo.

A este respecto denuncia que “pretende dispoñer todo ano de xubilados/as parciais no treito final das súas carreiras profesionais e de persoas relevistas con xornadas e salarios do 50% , convencida de ser dona e señora das súas vidas”.

Acúsaa ademais de vulnerar a legalidade por retirar taboleiros sindicais da redacción da RG, “aducindo a redución ao máximo das actividades susceptíbeis de producir molestias e distraccións, mais desatende a petición da parte social de dispor dun espazo sindical na Intranet, á que ela si recorre veloz cando quere cargar contra a representación sindical”.

Denuncia, canda isto, que denega o traballo a distancia para facer efectivo o dereito á conciliación da vida familiar e laboral recoñecido no artigo 34.8 ET alegando que non está regulado, “cando é ela mesma que impide esa regulación” e que, entrementres “se pasea polos festivais de cinema, de Sevilla a Berlín, mentres o persoal dedicado con profesionalidade e entrega a esa sección temática fica pampa na redacción sen entender o porqué de tanto desprezo”.

A sección sindical da CIG da CRTVG conclúe que “lonxe de axustar a súa actuación ao principios de obxectividade, imparcialidade, transparencia, responsabilidade, exemplaridade e honradez que obrigan a todos os empregados públicos, definitivamente perde a moderación e a calma necesarias para se entregar ao autoritarismo e a represión das persoas traballadoras ao seu cargo”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.