A CIG critica a improvisación e incompetencia do goberno español na xestión do coronavirus
A improvisación permanente e a incompetencia absoluta do goberno español, á hora de tomar decisións, confírmase co anuncio, esta tarde, da paralización de toda a actividade que non sexa considerada como esencial.
Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen entende que o anuncio que acaba de facer Pedro Sánchez constata a “improvisación e a incompetencia”, do goberno, porque “non é de recibo que o venres se celebrara un Consello de Ministros e hoxe se estea celebrnado outro. Reúnese máis para tomar un día unhas decisións e o día seguinte outras, que para executalas”.
Miles de traballadores/as sufrirán unha grave perda de ingresos
Carril lamenta ademais as consecuencias desa improvisación porque isto está levando a unha sucesión de decisións que no ámbito laboral están provocando centos de miles de despedimentos, de ERTEs e que queden desprotexidos moitos colectivos. “Miles de traballadoras e traballadores aos que non se lles dá alternativa, e que sufrirán ademais unha grave perda de ingresos, sen certeza de canto e cando van cobrar”, matiza.
O secretario xeral da CIG lamenta tamén que non se aprobaran as propostas que desde o primeiro día reclamou a CIG: o permiso retribuído por deber inescusábel para coidados e alerta sanitaria; un fondo extraordinario do Estado para sufragar estes gastos; compensacións especiais nos sectores que deban permanecer en activo e control estrito das condicións de seguridade nestes sectores. “Se desde o primeiro momento fosen esas as medidas, o caos social e a inxustiza para moitas persoas non se tería producido”.
Así mesmo, criticou o papel de UGT e CCOO que desde o comezo desta crise sanitaria” están avalando e colaborando con todas e cada unha destas erráticas decisións do goberno, como o propio presidente do goberno aproveita cada ocasión para dicilo”.
O secretario xeral da CIG denuncia que todo isto fíxose, ademais, sen aprobar un plan de social para paliar as consecuencias que para a clase traballadora terán estas medidas.
Neste sentido advirte, máis unha vez, do risco de que o confinamento “acabe provocando un aínda maior empobrecemento da clase traballadora, ante a significativa redución de ingresos que van sufrir”.
Carril advirte do risco de que o confinamento provoque un aínda maior empobrecemento da clase traballadora
Ademais seguen se acordarse solucións para enfrontar a desprotección total na que se deixou ás traballadoras e traballadores temporais, ETTS, despedidos/as nas ultimas semanas ou das empregadas do fogar, para as que non se preveu ningunha medida.
Por iso reclama, como vén facendo a central sindical desde o primeiro momento, unha moratoria no pagamento de subministros básicos e o abaratamento dos bens de primeira necesidade. Mais tamén, ademais de compensacións para as empresas, compensacións especiais en sectores como o sanitario, coidados e do comercio que permaneza activo.