A CIG convoca unha xornada nacional de mobilización en apoio á loita do persoal de Maitours
A CIG ten convocada unha xornada nacional de mobilización para este, mércores 6 de novembro, en apoio e solidariedade coa loita que están a levar adiante dos traballadores e as traballadoras de Maitours (Alsa Ferrol).
A xornada iniciarase ás 10:30h coa celebración dunha asemblea de delegadas e delegados da CIG no Centro Cultural Carvalho Calero para informar do estado do conflito e as demandas sociais. Ao remate, por volta das 11:30h, sairase en manifestación dende o centro cultural até o edificio da Xunta de Galiza.
En folga dende xullo
Cómpre lembrar que o persoal de Maitours está en folga indefinida dende o pasado 15 de xullo para reclamar que se lle aplique o convenio colectivo sectorial e que a empresa (do grupo Alsa) cumpra cos acordos laborais e compense o traballo en festivos.
Malia todas as dificultades e os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, os traballadores/as continúan mobilizándose para exixírlle á dirección que sente negociar e cumpra coas súas obrigas laborais.
Na mañá deste martes protagonizaron un corte de tráfico na Estrada de Castela para darlle visibilidade a súa loita e demandar tamén a implicación da administración galega no conflito, como responsábel dos contratos do transporte público en autobús.