A CIG convoca unha nova protesta en defensa do emprego e da automoción
A CIG-Industria da CIG convoca unha nova mobilización en defensa do emprego e da automoción, no marco da campaña que a central sindical está a desenvolver en resposta ao crecente deterioro das condicións laborais no sector e para reclamar políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.
Nesta ocasión a protesta terá lugar en Vigo este mércores 19 a partir das 13:00 horas, onde delegados/as da federación de Industria da CIG e traballadores/as do sector percorrerán en manifestación a distancia entre as empresas Denso e Benteler e Lear, no parque tecnolóxico e loxístico de Valadares.
Representantes da central reuníronse cos grupos parlamentares o pasado mes de febreiro para presentarlle un documento con propostas para o sector da automoción e solicitarlles que as convertan en iniciativas parlamentarias, co obxectivo de que o Goberno central e a Xunta aposten de xeito decidido por unha industria estratéxica para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.