A CIG convoca unha nova mobilización contra a represión sindical no Hospital Quirón da Coruña

Este mércores, 20 de maio, ás 11:30 horas, diante do centro hospitalario Santa Teresa
A Coruña - 18 Mai 2026

A CIG-Saúde ten convocada para este mércores, 20 de maio, unha concentración-manifestación ás 11:30 horas na porta principal do Hospital QuirónSalud da Coruña para rexeitar a persecución sindical e reclamar a retirada das sancións impostas á presidenta e ao secretario do comité. Ademais, con esta protesta quérese demandar a inmediata readmisión do secretario do comité, a quen a empresa, para maior gravidade, despediu alegando motivos disciplinarios por supostos incumprimentos en materia de protección de datos.

Para a CIG o motivo real destas medidas empresariais non é outro que eliminar a "molesta" representación da central nacionalista no Hospital QuirónSalud da Coruña, onde leva anos ostentando a maioría absoluta do comité. “Non hai máis motivo para o despedimento do secretario e o expediente á presidenta que a súa firme acción sindical de denuncia pola perda de calidade asistencial, as insuficientes ratios de persoal, a vulneración dos dereitos laborais ou as denuncias en materia de prevención e saúde”, asevera a CIG-Saúde.

O despedimento e os expedientes sancionadores están recorridos en vía xudicial, xa que no acto de conciliación no SMAC celebrado o pasado mes de febreiro a empresa negouse a chegar a acordo para a readmisión e a retirada das sancións.

Apoio dos comités dos hospitais privados

Contra estas políticas represivas da patronal da sanidade privada tamén se teñen posicionado todos os comités dos centros hospitalarios privados da provincia da Coruña nun manifesto de apoio ao compañeiro e á compañeira do Quirón Santa Teresa. No escrito denuncian que estas prácticas constitúen una ataque directo á liberdade sindical e á representación do persoal, e evidencian unha estratexia de presión e intimidación por parte da patronal que busca “limitar a acción sindical e debilitar a defensa colectiva dos dereitos laborais”.

En neste sentido, a CIG reitera que levará adiante todas as accións que considere oportunas para enfrontar esta política do grupo Quirón,  “que ten como obxectivo silenciar e rematar con quen poida ser testemuña de calquera práctica que priorice o rendemento económico fronte á calidade asistencial”.