A CIG convoca unha marcha a pé en Pontevedra para reclamar a readmisión dos despedidos en Transegre
A CIG decidiu promover a mobilización no marco da campaña de protestas e información que desenvolve para denunciar que Transegre despediu dous candidatos da central que se presentaban ás eleccións sindicais convocadas na empresa por primeira vez. Esta decisión da compañía motivou a presentación dunha denuncia do sindicato por vulneración da liberdade sindical.
A marcha, que terá uns catro quilómetros de percorrido, dirixirase ao cruzamento do parque de bombeiros para percorrer a estrada de Vilagarcía até as instalacións de Avícola de Galicia, en Campañó. Unha vez alí, por volta das 11.30 horas, desenvolverase unha concentración até as 12.00 horas.