A CIG convoca preto de 30 mobilizacións este 8-M
Este 8 de Marzo, no marco do Paro Internacional de Mulleres, a CIG ten convocada folga de mulleres para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. A folga laboral afectará a todas as actividades e centros de traballo, tanto das empresas privadas como do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Galiza, dende ás 00:00 horas ás 24:00 horas (agás para as quendas que se inicien antes das 00:00 horas).
Pero alén da folga laboral, este 8 de Marzo, as mulleres estamos chamadas a secundar tamén folga no ensino, de consumo e nos coidados, para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos e desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.
Prácticas vulneradoras do dereito á folga
Dende a Secretaría das Mulleres da CIG rexéitanse as actitudes de determinadas empresas que nas últimas semanas instaron as súas traballadoras a informar previamente se ían exercer o seu dereito á folga. Este é o caso de Denso (empresa viguesa) onde os mandos intermedios preguntaron traballadora por traballadora sobre as súas intencións de secundar o paro, unha actuación vulneradora que foi denunciada na Inspección de Traballo.
Noutras empresas como Copo tentouse coaccionar as traballadoras dicíndolle que se ían a folga descontaríaselle o plus de puntualidade e asistencia, cando en ningunha outra folga anterior se deixaran de abonar. A secretaria das mulleres da CIG rexeita estas actuacións por seren claramente irregulares, "ter a finalidade de crear listaxes para identificar as traballadoras máis reivindicativas e limitar o exercicio dun dereito fundamental como o de folga".
Tiran anacos dunha faixa diante do local da CIG de Vigo
De igual xeito, a Secretaría das Mulleres rexeita comportamentos como o rexistrado en Vigo, onde apareceu rachada unha faixa da CIG e os anacos tirados diante do local sindical. Unha mostra clara de que "ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación. Ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria. Por iso lles incomoda que nos manifestemos. Esta é unha razón máis para sairmos á rúa o 8 de marzo e todos os días que sexan necesarios".
Por min, por ti, por todas. Fai folga e participa nas mobilizacións convocadas pola CIG este 8 de Marzo!
MOBILIZACIÓNS
UNIÓN COMARCAL DE VIGO
VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz
BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)
CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)
MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)
UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA
A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Vigo
BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución
CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello
CEE: 12:30h Na Praza 8 de Marzo
UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA
COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)
COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)
COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza
RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE FERROL
FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)
AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE LUGO
LUGO: 12:30h
BURELA: 12:00h Diante do Concello
MONFORTE: 12:00h Na Praza de España
RIBADEO: 12:00h Diante do Concello
VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello
UNIÓN COMARCAL DE OURENSE
OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal
O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello
VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA
PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina
VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella
A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado
MOBILIZACIÓNS DE GALEGAS8M
A CORUÑA: 19:30h Manifestación dende o Obelisco.
COMPOSTELA: 20:00h Manifestación dende a Praza 8 de Marzo
FERROL: 19:00h Manifestación dende a Praza Amada García
LUGO: 20:00h Ruada Noctura dende a explanada da Xunta
OURENSE: 20:00h Manifestación dende a Subdelegación do Goberno
PONTEVEDRA:20:00h Manifestación dende a Praza do Hospital
VIGO: 20:00h Manifestación dende a Praza dos Cabalos
Consulta todas as mobilizacións convocadas polo feminismo galego nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/