A CIG convoca paro laboral en Industrias Losan en demanda dun convenio digno
A FCM-CIG, seguindo a decisión adoptada na asemblea de traballadores/as realizada o pasado domingo, ten convocado un paro laboral en Industrias Losan para o martes 18 de abril, en demanda dun convenio digno. A folga parcial desenvolverase das 13:30 ás 14:30 horas, afectando media hora a cada unha das quendas e a todo o persoal. Durante o tempo d o paro tamén se desenvolverá unha concentración diante da fábrica de Losan en Curtis.
O comité de Losán (no que a CIG conta cun representante) leva meses negociando coa dirección o novo convenio colectivo, pero tras múltiples reunións as conversas non avanzan pola negativa da empresa a garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. De feito, na última xuntanza, o delegado da CIG levantouse da mesa tras deixar claro a empresa que as melloras en materia económica quedaban fóra da negociación.
Os traballadores e as traballadoras de Losán levan cos soldos conxelados dende o ano 2021. Nese ano, a proposta da CIG, introduciuse unha cláusula de revisión que vinculaba o incremento ao IPC, grazas ao que os salarios medraron o 6,5%, garantindo así o mantemento do poder adquisitivo.
Mais agora, unha vez rematada a vixencia do convenio, a empresa utiliza ese incremento para rexeitar calquera mellora no ano 2022. "É dicir, pretenden que aceptemos un 0% de incremento para 2022 (cando o IPC quedou no 5,7%) e un 2% para 2023 (cando só o IPC do mes pasado foi do 3,3%). En poucas palabras, queren que todo suba menos o noso salario", denuncia o secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras.
En resposta á postura inmobilista da empresa, a asemblea de traballadores/as acordou convocar esta primeira xornada de folga parcial para reclamar un convenio digno e uns salarios xustos ante o medre imparábel do custe da vida.