
A CIG convoca once mobilizacións con motivo da folga nas residencias privadas deste xoves 10 de abril

As traballadoras das residencias privadas e centros de día están fartas de aturar unhas condicións salariais e laborais de miseria, unha patronal que ten bloqueada a negociación colectiva dende outubro pasado e unha Consellaría de Política Social que ignora as súas reivindicacións de xeito reiterado. Por iso, este xoves, 10 de abril, as traballadoras iniciarán un calendario de folgas e mobilizacións para demandar un convenio colectivo digno no sector, fronte ás pretensións patronais de perpetuar os salarios por debaixo do SMI e non avanzar en dereitos.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS
- A Coruña: 11:30h, concentración na residencia Concepción Arenal (r/Sebastián Martínez Risco, 11. Matrogrande).
- Ferrol: 11:00h, manifestación dende o local da CIG até a residencia DomusVi (Avda. do Esteiro, 51).
- Lugo: 12:00h, concentración na residencia San Antonio de Padua (r/ Serra Gañidoira).
- Noia: 15:00 h, na residencia DomusVi
- Ourense: 11:30h, concentración na residencia DomusVi Barbadás (estrada de Piñor, 85).
- Ribadumia: 14:30h, concentración na residencia DomusVi (r/Miguel Martín Fernández).
- Ribeira:
- 10:30h, concentración na residencia Reitoral de Artes
- 12:30 h, concentración na residencia DomusVi
- Santiago de Compostela: 14:30h, concentración na residencia DomusVi (Av. de Fernando de Casas Novoa, 33. San Lázaro).
- Vigo: 18:00, concentración na residencia DomusVi Fátima e ás 19:00h, diante da residencia Ballesol.
- Vilaboa: 11:00h, concentración na residencia Caser (Os Campos, 21).
A folga continuará o 22 abril e os días 7 e 21 de maio. Ademais, o sábado 26 de abril está convocada unha gran manifestación nacional en Compostela.
Sector feminizado e esquecido
As traballadoras reclaman un incremento das súas retribucións digno, acorde co valor social das tarefas que desenvolven; complementos de IT; que se compensen os festivos, melloras sociais e a redución da xornada laboral anual.
Demandas xustas nun sector considerado esencial na pandemia, pero agora esquecido polo mesmo Goberno da Xunta que asegurou que ía pór en marcha un novo modelo de coidados. Porén, a realidade é ben distinta: afóndase na política de privatizacións e na explotación laboral, mentres empeora a calidade asistencial ás persoas usuarias. Todo para que os grandes fondos e grupos que controlan o sector sigan a engordar os seus beneficios.
Porque aos problemas habituais da sobrecarga de traballo e a falta de tempo para ofrecer uns coidados axeitados, engádese a decisión da Xunta de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas nas residencias de maiores, malia o persoal carecer de formación e os centros non estar adecuados ás súas necesidades asistenciais.
Por iso, con esta folga, a CIG tamén reclama actuar e camiñar cara a un sistema de coidados integrado, público e garantista.