CIG convoca mobilizacións en todas as comarcas, o 29 de novembro, contra a carestía da vida
A CIG vén de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións en todas as comarcas, o vindeiro día 29 de novembro. A central sindical denuncia a insuficiencia das medidas articuladas desde o goberno do Estado e a inacción do goberno da Xunta de Galiza para paliar a carestía da vida. Unha situación fronte a que demanda “un verdadeiro Plan de Choque para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise”.
Así o reclamaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que “a grave carestía da vida”, aínda que xa estaba presente antes da guerra, “agravouse desde o seu inicio, acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza”, cunha inflación descontrolada, prezos de electricidade e combustíbeis que non baixan e produtos de primeira necesidade que “soben a prezos desorbitados”.
Unha situación económica e social que considerou “extrema”, que está a ter “un impacto brutal”, con importantes sectores produtivos, entre os que sinalou o agro e a pesca, xunto a comarcas enteiras “agonizando” e con cada vez “menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada”.
Por iso denunciou a inacción da Xunta de Galiza, que non preveu “ningunha medida para darlle solución”, máis que “facer de Galiza enteira un Camiño de Santiago como reclamo turístico, un gran eucaliptal e vítimas dun ovo espolio dos nosos recursos enerxéticos coa actual ofensiva eólica en terra e no mar”.
Insuficiencia de medidas
O secretario xeral da CIG denunciou ademais, a insuficiencia de medidas “do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra”, que vén acompañado dun “duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE” para acceder a “uns envelenados fondos europeos” que, advertiu, “están a hipotecar o noso futuro”.
Isto xunto cuns orzamentos tanto galegos como do Goberno español que considerou que son “unha suma de medidas inxustas, tanto pola discriminación do destinado a Galiza, como porque non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais” e que, ademais, veñen acompañados de “lesivas reformas na Seguridade Social” que se suman, dixo, “á última reforma laboral, na que nin recuperamos, nin gañamos dereitos, mentres avanza, baixo novas formas a precariedade laboral”.
Carril denunciou ademais que, entre mentres, van “máis cartos públicos para armamento, máis medidas para impoñer o Pacto de Rendas e o nefasto diálogo social, con subas salariais que non garanten poder adquisitivo dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea”.
Plan de Choque
Fronte a isto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, demandou un “verdadeiro Plan de Choque” no que se contemplen medidas como a creación dunha Tarifa Eléctrica Especial; fixar o SMI en 1.197€/mes como recomenda a Carta Social Europea ou o recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos e a recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61, como medida de creación de emprego.
Isto xunto coa prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte; garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% do salario, completando as empresas até o 100%; que o tempo de desemprego por aplicación dese ERTE non se entenda consumido e que se derrogue a reforma laboral de 2012.
O secretario xeral da CIG demandou ademais a aprobación dunha renda de Inserción laboral e Social; medidas para evitar a pobreza enerxética; prezos máximos da gasolina e diésel; a prohibición de desafiuzamentos durante 2022 e 2023; o incremento do parque público de vivendas sociais, a conxelación das rendas de alugueiro e a conxelación das cláusulas nas hipotecas.
Pacto de rendas/pacto de perdas
Nesa liña, a secretaria de Organización, Susana Méndez, rexeitou medidas “en moitos casos avaladas e referendadas por organizacións sindicais que pactan á mínima de cambio, deixando ás clases populares na estacada”. Como exemplo puxo a perda de poder de compra que xa están a padecer as e os pensionistas da Galiza, agravada coa que definiu como “tramposa” revalorización das pensións que o goberno do Estado introduciu a través da reforma das pensións do ano pasado. Tramposa porque “en lugar de actualizar a contía das pensións co IPC real, se actualizan co IPC medio” o que supuxo que xa neste ano perderan un 4% do seu valor.
Xunto a isto referiuse tamén ao acordo para o incremento salarial das e dos empregados públicos, que alcumou como “pacto de perdas”, porque supón que a perda de poder adquisitivo do persoal das administracións públicas, que xa era de perto dun 20%, debido ás medidas impostas pola crise do 2008, será agora dun 10% engadido. Isto é, “os empregados e empregadas públicas son hoxe un 30% máis pobres que no ano 2008”.
A secretaria de Organización da CIG denunciou ademais ás patronais que “racanean” os incrementos salariais, “poñendo en marcha, mediante feitos consumados, o famoso pacto de rendas” que só vai agudizar o “empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora”, fronte ao que considerou que só queda un camiño: a mobilización.
Mobilización “ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos”, concluíu Carril, “porque está en risco que a clase traballadora sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores”.