10 medidas urxentes. Contra a crise e a pobreza, políticas públicas e salarios dignos

Nacional - 26 Set 2022
1. ELECTRICIDADE

- Creación dunha Tarifa Eléctrica Especial que fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.

- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país.

- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares, déficit de tarifa etc.), así como os derivados da chamada “excepción ibérica” recollidas no Real Decreto. Todos estes custos serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.

- Eliminación do mercado marxinalista. Cada tecnoloxía de xeración eléctrica cobrarase segundo custos recoñecidos auditados pola CNMC, que inclúan unha marxe de beneficio non superior ao 7%. “Red Eléctrica” determinará que tecnoloxías funcionan en cada momento.

- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade.

- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinando os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade.

- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar o imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.

- Exixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábel, que deberán ser adxudicadas a través dunha concesión administrativa e non dunha autorización.

- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía.

 

 

2. SALARIOS E PENSIÓNS DIGNAS

- Os incrementos salariais deberán situarse nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes en 14 pagas) e un incremento salarial do 4,50%.

- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme o IPC interanual acumulado.

- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade sexan unha realidade de obrigado cumprimento.

- Fixar o Salario Mínimo Interprofesional en 1.197 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea. O importe da pensión mínima debe ser equivalente ao do SMI. Así mesmo, eliminación do IPREM e substitución polo salario mínimo, como o indicador de renda para todo tipo de prestacións públicas.

- Recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos. O cálculo da base reguladora debe vir determinado polas bases de cotización dun período de 10 anos da vida laboral. Eliminación das penalizacións e discriminacións no acceso á pensión das persoas empregadas a tempo parcial. Recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos como medida de acceso digno á xubilación e de creación de emprego.

 

 

3. EMPREGO

- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada etc.

- As empresas, para podérense acoller ao ERTE, estarán ao día na actualización das revisións salariais, e deberán completar até o 100% os salarios e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.

- Garantir o cobro durante todo o ERTE do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora.

- O tempo de desemprego por aplicación deste ERTE non se entenderá consumido durante o ano 2022 e 2023.

- Derrogar a reforma laboral de 2012 e aprobación dun novo procedemento para o despedimento colectivo: reforzar o papel dos e das representantes sindicais nas negociacións, recuperar a autorización da autoridade laboral, superando a actual fase de unilateralismo empresarial, e devolverlle á Inspección de Traballo a súa competencia para emitir informe vinculante. Ampliación dos prazos do período de consultas a un mínimo dun mes.

 

 

4. PROTECCIÓN SOCIAL E DEREITOS SOCIAIS

- Aprobación dunha Renda de Inserción Laboral e Social, en substitución do IMV, na contía do SMI, para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica, acompañada do seguimento dun itinerario persoal de orientación e formación profesional até a consecución dun posto de traballo no tempo máis breve posíbel. O cobro desta renda de inserción non será incompatíbel con outras prestacións existentes (RISGA, etc...) sempre que non se superen, sumadas todas, un importe igual ao salario mínimo interprofesional.

- A Xunta de Galiza e o Goberno español evitarán a pobreza enerxética nos fogares, acordando coas empresas subministradoras a fixación de prezos socias. Así mesmo, asumirán o custo das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerábeis en risco de pobreza enerxética de acordo cos servizos sociais.

- Prohibir os desafiuzamentos de vivendas durante 2022 e 2023.

- A Xunta de Galiza deberá incrementar o parque público de vivendas sociais e facilitar as condicións de acceso para garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas vulnerábeis e sen recursos.

 

 

5. ATENCIÓN ÁS PERSOAS

- Creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impidan poder facelo autonomamente.

- Aprobación urxente das medidas propostas na Iniciativa Lexislativa Popular para recuperar e fortalecer a Atención Primaria.

- Aumento significativo do orzamento público destinado á atención á dependencia e dotación suficiente de prazas públicas de centros de día e residencias até acadar a ratio recomendada pola OMS (cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos).

- Incremento das equipas de valoración para reducir o tempo de resolución dos expedientes.

- Exixir o mantemento e, de ser o caso, reapertura dos servizos públicos e de oficinas bancarias en todos os concellos, garantindo os horarios que permitan a atención persoal de forma presencial para calquera xestión.

 

 

6. COMBUSTÍBEIS

- Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.

 

 

7. MOBILIDADE

- Reforzar os servizos de mobilidade aumentando as frecuencias e ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducir as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.

- Aplicar a toda a rede ferroviaria galega a gratuidade e descontos que se aplican en todos os territorios do Estado, mentres non teñamos en toda Galiza un servizo de proximidade.

 

 

8. ALUGUEIRO E HIPOTECAS

- Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante os anos 2022 e 2023.

- Conxelación das cláusulas nas hipotecas variábeis e non aplicación das revisións pola suba dos tipo de xuro durante o ano 2022 e 2023.

 

 

9. REFORMA FISCAL XUSTA

- Exixir o pagamento dos tributos en Galiza de todas as empresas que teñan centros de traballo en territorio galego.

- Reducir o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) naqueles produtos de primeira necesidade e incrementalo para os bens suntuarios.

- Modificar a escala de gravame do IRPF, elevando o limiar mínimo de ingresos para ter que presentar declaración. Eliminar a obrigatoriedade de facer a declaración no caso de dous pagadores se un deles é o SEPE. Aplicar un gravame progresivo maior aos ingresos superiores a 46.000 euros.

- Posta en marcha dun imposto especial sobre os beneficios extraordinarios da banca, os activos financeiros e o sector enerxético.

- Eliminación dos privilexios fiscais da igrexa e das SICAV.

- Fin dos incentivos fiscais a todos os plans de pensións.

- Auditar a débeda pública e privada para denunciar os contratos ilexítimos e liberar a carga financeira asociada.

- Garantir unha tributación mínima efectiva no Imposto de Sociedades do 15% en xeral; no caso de grandes empresas e sectores de hidrocarburos e banca, a tributación mínima situaríase no 18%. Suprimir as bonificacións e deducións do Imposto de Sociedades que na práctica están reducindo o devandito imposto efectivo a menos da metade do nominal.

- Revisión da taxa Tobin, eliminando as exencións e incrementando a porcentaxe que grava os movementos financeiros especulativos.

- Aprobación e aplicación inmediata dun imposto que grave as empresas que prestan servizos dixitais.

- Prohibir a contratación e as axudas públicas a empresas que teñen a sede en paraísos fiscais.

- Eliminar os fondos destinados á igrexa no IRPF.

- Plan de actuación para perseguir e castigar a fraude e a evasión fiscal. Supresión dos paraísos fiscais.

 

 

10. PLAN GALEGO DE RECUPERACIÓN ECONÓMICA, INDUSTRIALIZACIÓN, CREACIÓN DE EMPREGO DIGNO E SERVIZOS PÚBLICOS

Con medidas transversais e sectoriais, apostando en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso e non nas grandes empresas e nos fondos de investimento.