A CIG convoca manifestación este sábado día 15 por un convenio digno para o metal da Coruña
A CIG-Industria ten convocada unha manifestación de traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña para o próximo sábado, 15 de xaneiro, para esixir un convenio colectivo digno que dea resposta ás demandas sociais. A manifestación, con carácter provincial, sairá ás 12 horas dende a Praza de Vigo da Coruña e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios/as (CEC), na Praza de Luís Seoane.
Esta primeira mobilización foi acordada nas asembleas abertas convocadas pola CIG na Coruña, Ferrol e Compostela o pasado mes de decembro ante a parálise na negociación do convenio e a falta de reposta de CCOO e UGT ás propostas de mobilización trasladadas pola central nacionalista.
Cómpre lembrar que despois de dous anos de negociacións non se ten producido ningún avance, a tal punto que na última reunión da mesa, a número 12, a patronal apareceu cunha plataforma que non só non permite avanzar en dereitos senón que supón un retroceso nos dereitos que o persoal xa ten recoñecidos. Unha proposta que, denuncia a CIG-Industria, a patronal pretendía que se lle avalara "a cambio dun miserento incremento salarial que non chega nin sequera ao equivalente á suba do IPC".
Dereito á subrogación e limitar as ETT e a subcontratación
Fronte a estas pretensións patronais, a CIG reivindica melloras económicas pero, sobre todo, que se recollan unha serie de medidas destinadas a reducir a precariedade instalada neste sector, a comezar polo recoñecemento do dereito á subrogación para todo o persoal, xa que nestes momentos só se aplica a quen traballa para o sector público, nomeadamente no naval de Ferrol.
A CIG-Industria lembra que para conquistar este dereito o persoal das auxiliares de Navantia tivo que levar adiante unha durísima loita "que é un claro exemplo do que a mobilización, a determinación e a unidade poden conseguir". Por iso, fan un chamamento a todos os traballadores e as traballadoras da provincia reguladas por este convenio para que participen na manifestación do sábado "para amosarlle á patronal que están fartos desta situación de parálise, de levar dous nos co convenio conxelado, e que teñen disposición a pelexar por un convenio realmente digno".
Outra das vellas demanda da central nacionalista é que o convenio colectivo recolla limitacións á contratación a través de ETT e restricións para a subcontratación, xa que estas dúas vías son utilizadas polas empresas para precarizar as condicións laborais e salariais e incrementar os beneficios a conta de explotar os traballadores e traballadoras.
Xunto a isto, na plataforma da CIG reivindícase o acceso ao cobro do plus de perigosidade, toxicidade e penosidade para todo o persoal do sector, pór freo aos abusos das mutuas, recuperar a cláusula de revisión salarial con efectos de 1 de xaneiro e non polo sistema de cruce imposto pola patronal, redución da xornada máxima anual, igualar os permisos retribuídos por cosanguinidade e afinade, ou creación dun complemento salarial digno para o persoal que ten que desprazarse ao estranxeiro.
"O sector merece un convenio digno e non pode agardar máis. Cómpre pois, poñer fin a esta situación e para iso é preciso que saiamos á rúa para defender o noso convenio", conclúe a CIG-Industria, quen apela tamén á UGT e CCOO a sumarse á vía da mobilización e acordar un calendario de accións conxuntas "para poñer fin a esta parálise que só beneficia á patronal".