A CIG convoca manifestación este domingo polo desbloqueo da negociación do convenio do transporte de viaxeiros/as

Representantes do persoal e membros da CIG protagonizaron hoxe un peche na sede da patronal coruñesa
A Coruña - 18 Feb 2026

A CIG ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, 22 de febreiro, con saída ás 12 horas da estación de Santiago de Compostela (no acceso principal pola rúa do Hórreo), para exixir o desbloqueo da negociación e un convenio digno para o sector do transporte de viaxeiros/as. Ante o secuestro da negociación colectiva, representantes do persoal e membros da CIG protagonizaron este mércores un peche  na sede da patronal na Coruña (situada na Praza de Luís Seoane) para denunciar a estratexia patronal, exixir que se convoque xa reunión da mediación e avanzar nun acordo de convenio digno que poña solución ao conflito. 

O encerro, que buscaba ser un acto simbólico de denuncia pública das accións empresariais e do ataque á liberdade sindical que supón querer deixar a CIG á marxe da negociación, iniciouse por volta das 11 horas e rematou sobre ás 13 horas.

Hai que lembrar que na última xuntanza do pasado 11 de febreiro, concluíse que no prazo de 24 horas a patronal enviaría unha contestación á proposta que CCOO puxo enriba da mesa, porén, case unha semana despois, e ignorando as regras da mediación, o empresariado continúa dilatando todo o proceso negociador e dando mostras da súa mala fe.

Para a CIG estamos ante un paso máis no disparate e a irresponsabilidade patronal na súa vontade por impoñer un acordo que foi rexeitado polo 70% do persoal nun referendo vinculante para todas as partes. Esta nova actuación empresarial súmase a todas as demais vividas dende o comezo do conflito, co único obxectivo de bloquear a negociación, dinamitar o procedemento de mediación con manobras dilatorias e deixar fóra a CIG, o que supón, neste momento, deixar fóra a inmensa maioría do sector que desbotou o acordo.

Ademais, esta actuación constitúe unha descarada ruptura dos procedementos da mediación laboral e do espírito do AGA, agravada co recoñecemento por parte da patronal de que mantén aberta unha negociación con CCOO fóra deste marco e nun contexto no que UGT abandonou a mediación, tras anunciar a súa proposta, aceptada pola patronal, de asinar un convenio de eficacia limitada.

Todos estes movementos danse en resposta á firmeza, á determinación e á capacidade de organización demostrada polos traballadores e traballadoras e non teñen outra finalidade que imporlles un acordo que rexeitaron de maneira contundente por insuficiente e, sobre todo, por recortar dereitos que xa teñen recoñecidos e obviar o colectivo de acompañantes.

Diante disto, a CIG anima a todo o persoal do sector a participar na manifestación deste domingo para reclamar un convenio que realmente contemple avances nas condicións laborais e salariais e non supoña unha regresión nos dereitos xa conquistados e para denunciar tamén o despropósito que está sendo todo este proceso do punto de vista formal.