A CIG convoca folga xeral o 19 de xuño
A mellor definición que podemos dar da crise económica que arrastramos dende o ano 2008 é a de gran estafa social. O poder económico e político pretende vendernos que nos atopamos no camiño da “recuperación”, que o peor da crise xa pasou e que estamos nunha etapa de crecemento. Propaganda que é un insulto á clase traballadora e ás clases populares galegas que a diario sofren as consecuencias das reformas e os recortes impostos ao amparo da crise e que ven como engordan os beneficios das clases dirixentes a conta da corrupción e do saqueo á clase obreira.
Lonxe de seren conxunturais ou anecdóticas, o paquete de medidas meticulosamente executado nesta década, primeiro polo PSOE e despois polo PP, e acompañado en maior ou menor medida da conivencia de UGT e CCOO, ten provocado tal grao de empobrecemento e precarización que hoxe en día ter un traballo xa non garante vivir en condicións dignas.
Mentres aumentan as rendas do capital, medra o desemprego e a emigración, e baixa a ocupación e a poboación activa. A reforma laboral instalou novas formas de explotación, incrementándose de maneira exponencial os traballos precarios, os contratos a tempo parcial, e o número de traballadoras/es que teñen ingresos inferiores á metade do salario mínimo interprofesional.
Ao tempo, recortáronse as coberturas e prestacións sociais, de modo que en Galiza máis do 50% das persoas sen emprego non teñen ningún tipo de ingreso. Debilitouse unha ferramenta fundamental da clase obreira como a negociación colectiva, favorecendo os convenios de empresa e estatais, e reforzando así a unha patronal que ten secuestrada a negociación colectiva e, polo tanto, as posibilidades de mellorar as condicións laborais e salariais.
Atácanse as pensións públicas para dificultar o acceso ás mesmas e a súa contía, sendo os galegos e as galegas quen temos as pensións máis baixas do Estado. Desmantélanse os servizos públicos para engordar o negocio das grandes corporacións que, en agradecemento, regalan cadeiras de ouro nos seus consellos de administración ás e aos políticos amigos.
Políticas antiobreiras
Corremos o perigo da consolidación dunha situación social e nacional sen saída, agravada pola indolencia do Goberno galego que actúa como servil criado aos ditados de Madrid e Bruxelas, que permite o espolio dos nosos aforros e dos nosos recursos, incapaz de tomar iniciativas a favor dun desenvolvemento económico e social digno no noso país. A Xunta de Feixoo actúa a favor dos fondos de inversións que acumulan máis riqueza en menos mans en territorios lonxe de Galiza.
Que dicir do Goberno de Mariano Raxoi, acurralado polos escándalos de corrupción, mentres executa con man de ferro todas estas políticas antiobreiras e antisociais; actuando coa tiranía propia do franquismo, criminalizando e perseguindo toda a resposta social sen importarse de utilizar para isto o poder xudicial, as forzas policiais ou o control dos medios de comunicación.
Estamos fartas/os: xa basta de recortes!
Pero as galegas/os estamos fartas/os, cheas/os de aturar incontábeis ataques aos nosos dereitos laborais e sociais. E así o manifestamos nas loitas e duros conflitos rexistrados nos últimos meses: aí está a extraordinaria e histórica folga de mulleres do 8 de marzo, as mobilizacións do colectivo de pensionistas, do persoal da xustiza, as protestas do persoal sanitario e de miles de galegas/os contra o desmantelamento da sanidade pública, as folgas en diferentes sectores e empresas durante o pasado ano e o que levamos de 2018 contra o bloqueo patronal da negociación e na defensa duns convenios dignos, a batalla encetada contra Servicarne-Coren para rematar coa escravitude que supón o negocio das falsas cooperativas, etc.
Chegou o tempo de sumar todas estas loitas e esforzos para dar a resposta necesaria. Na CIG apostamos por non resignarnos, por actuar, por contestar como sempre fixo a clase traballadora e convocar unha folga xeral para o 19 de xuño que sirva para dar unha petada na mesa e berrar ben alto: xa basta de recortes!
Non podemos aturar máis ataques
Canto máis temos que agardar? Na CIG cremos que nin un minuto máis, porque é moito o que está en xogo se queremos evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores. Ante a crúa realidade non queda outra que proceder, intensificando as mobilizacións pola recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados, pola recuperación dos salarios, pola derrogación da reforma laboral, da negociación colectiva, das pensións, os recortes nos servizos públicos, o retroceso nas liberdades e porque queremos ter máis capacidade de combate para acabar cos ataques aos dereitos das mulleres.
Temos que pasar á ofensiva, rachar co inmobilismo. Chegou o momento de desafiar o poder económico e político e demostrarlle a nosa disposición a pelexar polos nosos dereitos e por un futuro digno, porque a loita é o único camiño que permite que o imposíbel sexa posíbel. O 19 de xuño, a clase obreira galega ten a oportunidade de demostrar nos centros de traballo e nas rúas a nosa capacidade de resistencia, a nosa indignación, o noso empacho con estes gobernos corruptos do PP e do réxime podre do 78. Un réxime que pretenden manter a toda costa sobre-explotando á maioría social e negando os dereitos das nacións que integramos o Estado español.
Esta folga, máis que ningunha outra, transcende do ámbito estritamente laboral para ser tamén a expresión da indignación colectiva ante a podremia do sistema político que nos abafa.