CIG convoca folga nos centros de chamadas o 13 de xuño por un convenio digno
Ante o inmobilismo da patronal, a CIG ten convocada unha nova xornada de folga para o luns 13 de xuño nos centros de chamadas en demanda dun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais no sector. Con motivo do paro (o cuarto que se convoca en Galiza no sector), a central nacionalista vai realizar as seguintes concentracións:
- A Coruña, ás 11:30h, no Obelisco.
- Sarria, ás 11:30h, diante da empresa Inelcom (rúa Calvo Sotelo, 212).
- Vigo, ás 11:30h, diante da empresa Bosch (rúa Barxa do Covelo, s/n).
- A Estrada, ás 11:30h, diante do CIAE (rúa da Cultura, s/n).
A representación da CIG nos centros de chamadas denuncia que tras máis de dous anos de negociacións e cun IPC desbocado, a patronal insiste na súa irrisoria proposta de incremento salarial "que non chega sequera para garantir o mantemento do noso xa minguado poder adquisitivo".
Ademais, a patronal quere tamén quere meter man nas condicións actualmente recollidas no convenio (que é de ámbito estatal), afondando na desregulación da xornada ao eliminar o tope máximo semanal de 39 horas e poder distribuír ao seu antollo a xornada máxima anual, establecida nas 1.764 horas.
Mais a avaricia patronal non queda aí, pois tamén quere recortar os beneficios sociais reducindo o complemento de IT e eliminalo nos primeiros 3 días, limitar o pago do complemento de vacacións, eliminar as horas médicas, e limitar o uso da excedencia especial.
Fronte a esta proposta de miseria que ofrece a patronal, a CIG reclama un convenio que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a profesionalidade do persoal, rachando con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción.
Por iso, anima a todas as traballadoras e traballadores a secundar esta nova xornada de folga e participar nas mobilizacións que se convoquen "porque só a través da loita e dando unha resposta contundente conseguiremos un convenio digno e con dereitos".