A CIG convoca folga na limpeza dos centros de saúde de Pontevedra e do Salnés ante os reiterados atrasos no pago de salarios
A convocatoria de folga que afectará a toda a área sanitaria das comarcas de Pontevedra e do Salnés foi anunciada esta mañá en rolda de prensa pola secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, que estivo acompañada por Marcos Cadórniga, membro da executiva da federación, e por Ester Campoamor, da CIG do Salnés.
Os responsábeis sindicais explicaron que as traballadoras/es de Linorsa decidiron convocar a folga -que se desenvolverá entre as 00.00 horas do 3 de maio e as 24.00 horas do 8 de maio- ante os reiterados incumprimentos da empresa á hora de abonar os salarios, as pagas e os atrasos do convenio provincial de 2014 e 2105. A día de hoxe aínda lles adebeda a extra de decembro e a de marzo, ademais das cantidades atrasadas do convenio provincial correspondentes a 2014 e 2105.
Diante disto, a intención do persoal da empresa de limpeza é manter a folga durante a primeira semana de cada mes, “e ir analizando como resposta o Servizo Galego de Saúde”. E é que os responsábeis do Sergas, cos que a CIG xa mantivo dúas xuntanzas, aseguraron que non podían facer nada ao tratarse dun conflito entre as traballadoras/es e a empresa. “Dixeron que unicamente actuarían no caso de que o servizo se vise afectado, algo que vai suceder unha vez que comece a folga”.
Tensión entre o cadro de persoal
Segundo explican dende a central, as empregadas/os de Linorsa viven nunha tensión constante "porque nunca saben cando van cobrar", polo que decidiron dar o paso de convocar unha folga que afectará a un total de 24 centros médicos -no que desenvolven o seu labor 49 limpadoras/es- das comarcas de Pontevedra e do Salnés. “Adoptaron esta medida ante o total pasotismo do Sergas, que semella que non lle preocupa nada a situación destas traballadoras/es”, denuncian.
Finalmente, reiteran a esixencia de que o Sergas rescinda o contrato coa empresa, como fixeron outras Administracións como o Concello de Pontevedra, ao tempo que expresaron a súa preocupación pola situación na que vai quedar o persoal de Linorsa tras a entrada da compañía en concurso de acredores. Lembran que a firma ten cuantiosas débedas con Facenda e coa Seguridade Social.