
A CIG convoca concentracións en todas as cidades contra os novos recortes na xubilación parcial

A CIG convoca concentracións en todas as cidades para o vindeiro mércores, día 22 de xaneiro, contra o novo recorte na xubilación parcial. Con esta mobilización, que coincide coa convalidación do Decreto no Congreso das e dos Deputados, a central sindical denuncia que suporá outro retroceso de dereitos máis para a clase traballadora.
CONCENTRACIÓNS
- A Coruña: 12h, Delegación do Goberno (Praza de Ourense)
- Compostela: 12h, diante da oficina do INSS (Rúa Galeras)
- Ferrol : 12h, diante da oficina do INSS (Rúa Catalunya)
- Lugo: 12h, Subdelegación do Goberno
- Ourense:11:30h, Subdelegación do Goberno
- Pontevedra: 11h, Subdelegación do Goberno
- Vigo : 11h, diante da oficina do INSS (Rúa O Grove – Coia)
A CIG demanda que Congreso diga “non” a este Decreto até que non se conteñan as seguintes medidas:
1.- Recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores.
2.- Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
3.- Recoñecemento por lei e mellora dos procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.
A central sindical denuncia ademais o escurantismo co que se desenvolveu a negociación, no seo do chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais e sen respectar os dereitos das centrais sindicais máis representativas, como a CIG.