A CIG convoca concentración para esixir unha transición xusta e galega e solucións para o persoal afectado polo peche de Meirama
A CIG convoca unha concentración para o vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 18 horas diante da Delegación do Goberno na Coruña (Praza de Ourense) para demandar do Goberno español e da Xunta unha transición xusta e galega, así como alternativas para o persoal afectado polo peche da central de Meirama. Esta mobilización foi acordada na asemblea de traballadores e traballadoras das auxiliares da central celebrada o pasado venres, na que se abordou a falta de solucións para este persoal, malia a proximidade do peche efectivo da central.
Cómpre subliñar que tanto as compañías auxiliares como Naturgy néganse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo durante o proceso de desmantelamento das instalacións, a pesar de que xa se produciron as primeiras comunicacións de despedimentos nunha das empresas máis importantes, MASA, que terán efecto dende o 15 de xuño.
Contra atrás sen que haxa alternativas industriais e de emprego
A CIG denuncia a precipitación dos acontecementos e das decisións empresariais no proceso de peche das centrais térmicas galegas sen que existan alternativas industriais e de emprego para as comarcas afectadas. Por esta razón, o pasado 4 de xuño, a central sindical dirixiuse á secretaría xeral de Industria para demandarlle concreción nos proxectos e medidas que poida haber para a comarca dentro da estratexia de transición, así como avanzar en plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e as traballadoras. Peticións que a día de hoxe seguen sen resposta.
A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica que é Naturgy quen está marcando os ritmos neste proceso de transición en función dos seus intereses, sen ofrecer garantías de emprego nin para o seu persoal nin para os traballadores/as das auxiliares, e pretendendo substituír a produción de enerxía con carbón pola produción eólica, "nun proxecto que conta co parabén e o auspicio do Goberno de Feixoo, pero que nin xerará emprego nin tecido industrial na comarca".
As empresas seguen sen asumir responsabilidades
"Baixo o paraugas da económica verde, as eléctricas pretenden substituír unhas fontes de produción de enerxía por outras, sen asumir ningún tipo de responsabilidade social nin ambiental polo dano causado, nin tampouco teñen intención de ceder a súa posición privilexiada de acumulación de máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen, sen control público de ningún tipo", denunciou Carril.
Fronte a esta proceso pensado para beneficio das grandes empresas enerxéticas, o secretario xeral da CIG reitera que para, ser xusta e democrática, no social e no territorial, "a transición debe significar avanzar en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre o noso modelo económico e industrial, e neste sentido ter a capacidade de poder levar adiante un plan de industrialización dende o sector público que potencie e vertebre a industria galega, que priorice as inversións feitas por forzas sociais galegas fronte ás inversións estranxeiras".