A CIG convoca asembleas de persoal para decidir o calendario de reactivación da folga no transporte de viaxeiros/as
A CIG convoca asembleas abertas de persoal para a noite deste venres -ás 22 horas na estación da Coruña, ás 22 horas no local da CIG en Santiago de Compostela, e ás 23 horas na estación de Ferrol-, para decidir o calendario de reactivación da folga e para explicar a complexa situación á que a patronal e as centrais asinantes do preacordo teñen abocado o sector.
Os sindicatos e a patronal asinantes do preacordo -rexeitado de maneira contundente polo persoal- están impedindo que se retome a negociación coa axilidade debida e até o vindeiro luns, día 9, non haberá reunión da mediación porque hoxe non se quixeron sentar. A CIG entende que se trata dunha manobra para entorpecer e boicotear unha saída negociada ao conflito que resulte satisfactoria para o conxunto das persoas traballadoras do sector e que só busca desgastar o persoal como castigo polo resultado da votación.
Unha actitude que evidencia o desprezo da patronal polas persoas traballadoras e que resulta absolutamente indigno co conxunto do sector por parte das centrais sindicais que dende hai dúas semanas ostentan a maioría sindical na mesa negociadora. Esta decisión voluntaria de bloquear as negociacións e endurecer o conflito é tamén dunha irresponsabilidade manifesta coas persoas usuarias do servizo, ao condenar o sector a continuar en folga para poder acadar un convenio digno.
A CIG reitera que o contundente resultado do referendo sobre o preacordo obriga á patronal e ás centrais sindicais a continuar negociando porque ficou claro que ao persoal do sector non lle valen as propostas que hai enriba da mesa por insuficientes e, sobre todo, por recortar dereitos que xa teñen recoñecidos no convenio e por obviar o colectivo de acompañantes.
Este conflito só se poderá solucionar coa negociación e trasladando propostas que atendan ás demandas sociais. Pretender pechar este conflito co silencio e a inacción é unha irresponsabilidade que nin a CIG nin o persoal están en disposición de tolerar.
Neste contexto, resulta lamentábel que a Xunta de Galiza permaneza ausente, non estea traballando por unha solución e consinta neste bloqueo, sabendo da importancia que ten este servizo público e dos intentos da patronal de querer impor unhas condicións que foron categoricamente rexeitadas polos traballadores e traballadoras.