A CIG continúa coa campaña en defensa da automoción e do emprego cunha protesta en Denso, Benteler e Lear
Máis de medio cento de delegados/as da CIG participaron hoxe na mobilización convocada pola federación de Industria no marco da campaña que desenvolve en defensa do sector da automoción e do emprego. Nesta ocasión o lugar escollido para desenvolver a protesta foi o parque tecnolóxico e loxístico de Valadares, en Vigo, onde representantes sindicais e traballadores/as percorreron en manifestación a distancia entre as empresas Denso, Benteler e Lear.
A marcha, na que participaron os secretarios xeral e comarcal da CIG, Paulo Carril e Alberto Gonçalves, ademais dos responsábeis nacional e comarcal da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas e Xulio Fernández, arrincou dende as instalacións de Denso pasadas as 13:00 horas e rematou unha hora e cuarto despois con concentracións ás portas de Benteler e Lear.
Polo camiño berráronse consignas como “Emprego digno na automoción”, “Non á deslocalización”, “Sen industria non hai futuro” ou “Non á precarización” e aproveitouse para repartir entre os traballadores/as que entraban e saían das quendas panfletos informativos coas principais propostas da CIG para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar como consecuencia da aplicación de novas tecnoloxías e da crise dos motores diésel derivada da aprobación da lei de cambio climático transición enerxética.
Dende a central anunciaron que continuarán coa campaña de mobilización e información en resposta ao esmorecemento do sector e á precarización laboral nunha industria estratéxica para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.