Proseguen as protestas contra a política de represión sindical e despedimentos en Abeiro Gold
A CIG continuou este martes o calendario de mobilizacións para denunciar a represión sindical que a dirección da residencia Abeiro Gold de Lugo está a exercer contra os traballadores e traballadoras máis reivindicativas e contra a representación da CIG. Desta volta, a protesta levouse até o xulgado do social coincidindo co xuízo que tiña lugar polo despedimento dun traballador que formou parte da candidatura da central nacionalista nas pasadas eleccións.
Ás portas dos xulgados puidéronse escoitar consignas reclamando a readmisión do compañeiro despedido (e xa van tres despedimentos que a empresa aplica cun claro obxectivo exemplarizante), o cese da persecución, que se respecten os dereitos laborais ou para demandara actuación da Xunta, xa que é Administración que ten a competencia no control e inspección das residencia de maiores.
Asunción Castiñeira , da CIG-Servizos de Lugo, explica que o xuízo quedou visto para sentenza e agarda que se faga xustiza con este traballador. "Non buscamos que se declare improcedente, queremos a nulidade do despedimento", asevera Castiñeira, ao tempo que subliña que non existe causa obxectiva de ningún tipo para semellante medida. De feito, engade, durante o xuízo deste martes púidose comprobar que todos os feitos que a empresa recolle na carta de despedimento "non son certos".
Guerra aberta contra a CIG
Cómpre lembrar que dende que o pasado ano a CIG gañara as eleccións sindicais -as primeiras que se celebraban neste centro de traballo-, a empresa viuse na obriga de recoñecerlle ao cadro de persoal os dereitos do convenio que antes incumpría de maneira sistemática, como facilitar os LDs, establecer o calendario de vacacións, entregar as carteleiras anuais, dar as licencias retribuídas como os seis días de asuntos propios, etc.
A resposta da dirección ao labor de denuncia da representación da CIG non pode ser máis mesquiño: botarlle un pulso a central e ao persoal máis reivindicativo por defender as súas condicións laborais. Diante disto, a CIG advirte que continuará pelexando para que se respecten os dereitos das traballadoras e traballadores desta residencia e que se respecte o dereito á liberdade sindical.