A CIG-Construción mobilízase diante da patronal en Ourense por unhas condicións dignas no sector
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO) para reclamar unhas condicións laborais dignas no sector. Dende a central sindical denuncian que o empresariado insiste en rexeitar melloras sobre o convenio colectivo estatal, que contempla unha suba salarial insuficiente.
Delegados/as da FCM-CIG mobilizáronse de 12:00 a 12:30 horas ás portas da sede da patronal ao berro de “Se sube o IPC, os salarios tamén” para demandar a negociación dun convenio provincial que dignifique dunhas vez por todas as condicións de traballo e instar o empresariado a “tomar en serio” as conversas para chegar a un acordo canto antes.
Dende a central sindical lembran que denunciaron o actual convenio en setembro do ano pasado, pero a primeira xuntanza non se celebrou até xaneiro, a segunda tivo lugar en febreiro “e a próxima está fixada para este xoves”. Neste senso, acusan a patronal de ralentizar o proceso “á espera do que se asinaba na provincia de Pontevedra, onde xa existe un preacordo”.
Ao mesmo tempo, denuncian que até o de agora CCOO e UGT asinaban sempre as mesmas condicións que o convenio estatal, por “iso agora o empresariado ourensán non quere moverse un ápice do pactado en Madrid”. Pretenden que o acordo sexa por tres anos (de 2022 a 2024), mentres que a CIG propón dous anos de duración (2022 e 2023), establecendo a mesma suba que o convenio estatal: un 3% en táboas para cada un dos dous anos, máis un 1% para o plan de pensións sectorial. “Para nós é unha suba salarial insuficiente, e ademais estamos en contra do plan de pensións”.
Máis mobilizacións
Por parte da CIG, demándase un incremento de soldos conforme ao IPC para 2022 (5,7%) e dun 5% para 2023, pero introducindo a cláusula de revisión salarial. Ademais, insístese en reclamar a xornada intensiva durante o verán e o plus de perigosidade para o persoal que se dedica á conservación de estradas.
No caso de que a patronal non intente achegar posturas a central sindical adianta que continuará coas mobilizacións, sen descartar incluso unha convocatoria de folga.