A CIG-Coruña denuncia que a táboa salarial do sector de derivados do cemento recolle “unha suba irrisoria”
A federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncia que a recente publicación da táboa salarial de 2018 do convenio de derivados do cemento da Coruña recolle unha subida de soldos “irrisoria” (do 1,25%) como consecuencia de vincular as actualizacións á estadística de venda de cemento no Estado.
O Boletín Oficial da Provincia recolleu o pasado 13 de setembro as táboas salariais do ano 2018, polo que os traballadores/as do sector tiveron que agardar máis dun ano e nove meses “para ver aplicada unha suba salarial irrisoria, o que demostra o acerto da central ao criticar o absurdo de vincular os incrementos de soldos á estadística de venda de cemento no Estado español”.
Lembran que esta situación é consecuencia do acordo adoptado por UGT e CCOO coa patronal, “e sobre o que xa alertara a CIG no seu momento, pero fixeron oídos xordos”. Neste senso, pregúntanse cantos/as traballadores/as cambiaron de empresa ou de sector neste tempo e cantos/as deles/as van poder cobrar os atrasos desde xaneiro do 2018 até a actualidade. “Todos/as sabemos a resposta, así como que só hai unha parte beneficiada por esta situación”, critican.
Subida ligada ao IPC
Por iso reiteran que a CIG defende pactar uns incrementos salariais anuais con revisión ao IPC ao entender que se trata dun criterio realista e que como moito se atrasa até principios de ano, “é tristemente unha vez máis o tempo deunos a razón”.
Tamén lamentan a oportunidade perdida para negociar un convenio galego (ou biprovincial) do sector, “estragada polas présas de UGT e CCOO en asinar un convenio a gusto da patronal e das súas cúpulas estatais, que son o único que lles preocupa contentar”. Finalmente, chaman ao conxunto dos empregados/as do sector a unirse á loita da CIG para reclamar un convenio galego.