A CIG condena o ataque fascista á Cruz Vermella de Ferrol e chama a dar unha resposta unitaria na rúa contra o racismo

Ferrol - 23 Set 2026

A CIG amosa a súa total condena ao ataque fascista perpetrado contra a sede da ONG Cruz Vermella en Ferrol, que no día de onte apareceu cuberta de pintadas racistas, machistas e españolistas. 

A central traslada a súa solidariedade ás persoas vencellas á entidade e chama a dar unha resposta social unitaria na rúa fronte ás mensaxes de odio que pretenden deshumanizar e negar os dereitos máis básicos das persoas migrantes e contra as ameazas ás entidades que traballan pola dignidade deste colectivo.

A vandalización da sede da Cruz Vermella haina que entender no actual contexto de expansión da ultradereita e de exaltación do españolismo máis reaccionario, no que PP e VOX atopan no acontecido en Ceuta a coartada ideal para afondar nas mensaxes de odio contra as persoas migrantes, asociándoas a situacións de violencia e desorde social.

Baixo a consigna do apoio a Ceuta agóchase un moi mal disimulado racismo. Non se pode consentir a normalización das mensaxes que criminalizan as persoas que veñen buscando unha vida mellor, nin podemos ficar na inacción ante quen fomenta e ampara eses discursos de odio.

A CIG como sindicato de clase, internacionalista e solidario chama a dar unha resposta de unidade na rúa fronte ao racismo e á xenofobia. Porque galega ou estranxeira, somos a mesma clase obreira e todas e todos xuntos temos que loitar polos mesmos dereitos.

Por iso, a CIG anima a participar na protesta convocada para este venres, día 25, ás 19:30h, diante da sede da Cruz Vermella contra o fascismo, pola democracia, a convivencia e a diversidade.

Cómpre reaccionar ante o fascismo

Esa mesma dereita que converte as persoas migrantes en supostos “invasores” é a que sinala e pretende deslexitimar as loitas do feminismo, do sindicalismo ou do nacionalismo galego.

É esa mesma dereita reaccionaria e fascista a que día tras día avoga por recortar os dereitos e liberdades que tanto sufrimento lle custou conquistar a clase traballadora, que desmantela os servizos públicos e reduce o sistema de protección social, que nega os dereitos nacionais e lingüísticos de Galiza e o carácter plurinacional do Estado.

A clase traballadora non pode ficar impasíbel ante quen busca unha falsa dicotomía entre ‘nacionais’ e migrantes, pretendendo impor un relato simplista que culpabiliza ‘ao outro’ do avance da pobreza e da precariedade provocados polo propio sistema capitalista e que quere desviar a atención do adelgazamento do ‘estado de benestar’ sinalando a quen menos ten.

Arrincar a humanidade ás persoas migrantes é o paso necesario para denegarlle a condición de suxeitos de dereito e así soster un sistema de explotación que usa a estes homes e mulleres como man de obra barata para que o capital engorde máis aínda os seus beneficios.

Mentres PP e VOX claman pola expulsión das persoas migrantes -incluídas as máis vulnerábeis de todas, que son as persoas menores de idade-, hai unha semana coñecíase a sanción da Inspección de Traballo á adega familiar do conselleiro de Emprego e Emigración da Xunta por utilizar traballadores migrantes sen papeis durante a vendima do pasado ano.

Quen debe velar polo cumprimento dos dereitos laborais, non só foi incapaz de que funcionasen os mecanismos de defensa dos dereitos das persoas traballadoras, senón que nas súas declaracións públicas pretendeu darlle normalidade a esta fraude. Un conselleiro que resta importancia a estes incumprimentos non está lexitimado para seguir como máxima autoridade laboral galega.

Nestes últimos días, un estudio evidenciaba con cifras a cada vez máis insalvábel fenda entre  a clase traballadora e as directivas do Ibex-35. No Estado español, unha persoa obreira con salario medio tería que traballar 97 anos para igualar o que gaña un conselleiro executivo do Ibex35 en tan só un ano. A desigualdade e a pobreza teñen responsábeis, pero non son as persoas migrantes.

Cómpre pois, reaccionar, saír ás rúas para gañar as loitas que temos por diante, construír poder popular co que avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos e podermos vivir e traballar dignamente na nosa terra, todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso país facer a súa vida.