A CIG condena a agresión racista a un traballador das obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña

A central reclama unha actuación contundente e que se aparte de inmediato ao agresor
A Coruña - 25 Abr 2025

A CIG quere pór en coñecemento público a agresión vernal e física sufrida por un traballador das obras do tren a Punta Langosteira contra quen o operario dunha subcontrata proferiu insultos racistas, ameazou e empurrou co obxectivo de intimidalo e denigralo. A CIG condena este tipo de comportamentos racistas e reclama unha actuación contundente por parte da UTE  Acceso Porto Exterior A Coruña e de ADIF (como empresa pública licitadora) para evitar que se produzan discriminacións raciais e incidentes de odio nas súas contratas.

Este ataque foi de inmediato posto en coñecemento da UTE (SACYR Construción, CAVOSA, Taboada y Ramos) e da súa contrata (TECOZAM) e tratado nas distintas reunións que o comité mantivo coa dirección da UTE, á quen se pediu unha actuación contundente. Non obstante, transcorridos 20 días, o agresor continúa desenvolvendo as súas funcións nas obras e coincidindo acotío co traballador ao que insultou, ameazou e empurrou.

A empresa principal mantén unha inxustificábel actitude pasiva, escudándose en que TECOZAM ten aberto un expediente disciplinario e que o agresor xa pediu desculpas, polo que non adoptará ningunha medida até que a súa contrata resolva o expediente. Unha posición que choca de fronte coa suposta “tolerancia cero” co racismo que pregoa a UTE.

A CIG, dada a gravidade dos feitos, reclama que se aparte de inmediato a esta persoa do seu posto para impedir o contacto directo entre as dúas persoas, que se poidan repetir os ataques e garantir un entorno laboral seguro e no que se respectan os dereitos e a dignidade de todos os traballadoras e traballadores por igual.

A CIG entende que esta agresión racista merece unha resposta contundente por ser completamente inaceptábel en calquera entorno e moito menos nunha obra pública de primeira orde executada baixo supervisión do Goberno do Estado español (Ministerio de Transporte e ADIF). Para a central nacionalista non constitúe ningún factor eximente que o agresor pedira desculpas -sen dúbida condicionado polo feito de que un membro do comité foi testemuña directa da agresión- como tampouco o constitúe o feito de que o propio agredido as aceptara.

A CIG non tolerará actitudes, comportamentos ou actos discriminatorios de tipo racista e xenófobo nos centros de traballo e exíxelle ás administracións públicas, autoridade laboral e demais partes interesadas que adopten as medidas oportunas.

Neste liña, a CIG insta o conxunto da clase traballadora a non ser cómplice e a loitar contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, mantendo unha actitude combativa, de censura e denuncia, tanto nos centros de traballo como no resto dos ámbitos.